Publicador de contidos

Publicador de contidos

Así é o novo Regulamento de Estranxeiría que entra hoxe en vigor

Así é o novo Regulamento de Estranxeiría que entra hoxe en vigor

O obxectivo do novo texto, aprobado en novembro polo Consello de Ministros, é simplificar procedementos e eliminar duplicidades

Prevé regularizar 900.000 persoas nos próximos tres anos

Antonio Sempere/Europa Press Antonio Sempere/Europa Press
G24.gal 20/05/2025 08:35

O novo Regulamento de Estranxeiría, aprobado polo Consello de Ministros en novembro do ano pasado, entra en vigor este martes co obxectivo de simplificar procedementos e eliminar duplicidades.

O novo texto crea un título específico para os visados que clarifica o esquema de autorizacións, os requisitos e os trámites en xeral. Todas as autorizacións iniciais van ser dun ano, e as renovacións, de catro.

Un ano para buscar traballo

Tamén se estendeu a un ano o visado para a procura de emprego, que antes era unha autorización de tres meses. Este visado permite a procura de emprego en determinadas ocupacións e ámbitos territoriais, de forma que os 12 meses van facilitar que as persoas consigan un traballo adecuado ao seu perfil profesional e, ao mesmo tempo, que as empresas atopen os profesionais que necesitan, segundo explicou a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz.

Cinco modalidades de arraigamento

Doutra banda, a reforma prevé cinco modalidades de arraigamento: social, sociolaboral, familiar, socioformativo e de segunda oportunidade. Estas figuras homoxeneízanse e redúcese o tempo de permanencia en España de tres a dous anos. Así mesmo, flexibilízanse os requisitos para cumprir e habilítase a traballar tanto por conta allea como por conta propia desde o primeiro momento.

Estadía por estudos ata que finalice a formación

Outra das novidades é que os estudantes van poder contar cunha autorización de estadía por estudos que dure o mesmo tempo que a súa formación e váiselles facilitar unha vía rápida para poder enlazar cunha autorización de traballo unha vez acabada a súa formación. Neste sentido, durante os seus estudos estarán autorizados a traballar un máximo de 30 horas semanais, e independentemente da formación que estean a cursar.

Amplíanse os supostos de residencia para familiares 

Co obxectivo común da inclusión, o novo regulamento recolle a creación dunha autorización de residencia para familiares de cidadáns españois, nese caso amplíase a idade dos fillos ata os 26 anos (antes 21). Ademais, téñense en conta realidades que ata o de agora se mantiñan fóra, como a posibilidade de incluír as parellas non rexistradas formalmente que poida acreditar unha relación afectiva análoga.

Os riscos para os solicitantes de asilo

Na outra cara da moeda está unha novidade do novo texto, que espertou grandes críticas de moitas oenegués de defensa de dereitos dos migrantes, forzas políticas e institucións como o Defensor do Pobo.

E é que o novo texto establece que o tempo de residencia en España como solicitante de protección internacional non computará como tempo para optar ao arraigamento, polo que unha persoa cuxa petición sexa denegada caerá na irregularidade e deberá permanecer nela ata dous anos para conseguir os papeis.

Como vía transitoria, durante un ano, o Goberno reduce de 2 anos a 6 meses o tempo de residencia esixido para que os solicitantes de asilo rexeitados poidan acceder ao arraigamento, o cal provocou que moitos potenciais refuxiados que xa estaban a vivir e traballar regularmente en España renunciasen á súa petición e caesen na irregularidade.

Isto levou a sete entidades sociais a recorrer contra o regulamento perante o Tribunal Supremo, que aínda non se pronunciou. Tamén o Defensor do Pobo rexistrou o pasado venres un informe nas Cortes Xerais no que advirte de que a entrada en vigor do regulamento podería abocar á irregularidade a miles de menores.

O Goberno estuda agora novas vías para paliar estes danos e cambiar a súa posición respecto a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a regularización extraordinaria de migrantes, que está apoiada por máis de 600.000 sinaturas e leva alí máis dun ano estancada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade