Xornada negra de violencia machista con tres mulleres asasinadas este domingo
Dúas delas faleceron por ataques das súas parellas que xa están detidas, unha con arma branca en Piedrabuena, Cidade Real, e a outra cun disparo en El Puerto de Santa María en Cádiz
A Garda Civil detivo outro home en Almería tras confesar que estrangulou unha muller despois de manter relacións sexuais con ela

Dúas mulleres foron asasinadas esta madrugada supostamente polas súas parellas. A primeira delas cunha arma branca contras as 03:30 horas en Piedrabuena, Cidade Real, a segunda a tiros case á mesma hora, ás 04:00, na localidade gaditana de El Puerto de Santa María. Nos dous casos a Garda Civil e a Policía Nacional lograron deter os homes que vivían con elas.
En Almería axentes da Garda Civil arrestaron outro home tras confesar que estrangulara outra muller despois de manter relacións sexuais con ela, pero aínda non se sabe cando se produciu este terceiro asasinato.
A vítima de Cidade Real, de 24 anos, foi asasinada nunha rúa da localidade manchega. Axentes da Garda Civil detiveron a parella, de quen se descoñece a idade. O home detido foi trasladado a dependencias de Garda Civil en Cidade Real e xa se decretou o segredo do sumario.
A familia asegurou que vivían xuntos e tiñan unha nena de tres anos en común e que foi o propio agresor o que avisou a emerxencias e os axentes da agresión.
Un equipo médico de urxencias, unha UVI móbil e outra ambulancia asistencial desprazáronse ata o lugar do ataque, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida á moza.
A outra muller, de 46 anos, faleceu en El Puerto de Santa María. Foi atacada cunha pistola, e o que alertou a Policía foi un veciño que escoitou o ruído dos disparos na urbanización de Valdelagrana.
Neste caso, tamén se detivo o home co que vivía como presunto autor da morte. Esta persoa foi arrestada de madrugada, na localidade veciña de Río San Pedro, en Puerto Real, cando disparou á fachada dun domicilio por cuestións relacionadas co tráfico de drogas en pequena escala.
Enfrontouse aos axentes e mesmo encanonou un deles. Unha vez na comisaría confesou que matara a súa parella actual, “o seu amor”, no domicilio del. O detido tiña antecedentes por malos tratos cara a outra exparella e figuraba no sistema Viogen como caso inactivo, mesmo estivera en prisión por iso.
A Policía Nacional detivo un segundo home pola súa suposta relación co asasinato. A muller e o agresor mantiñan unha relación desde había un ano e os dous tiñan fillas de parellas anteriores.
A Policía, que polo momento non desvelou a identidade da vítima nin do presunto asasino, investiga agora como podía ter el na súa posesión un revólver 38 especial, un tipo de arma común entre axentes ou militares. Este tipo de pistola é unha das máis vendidas e é común para autodefensa, aínda que precisa licenza de armas.
Por outra parte, en Roquetas de Mar, en Almería, a Garda Civil detivo outro home tras confesar que estrangulou unha muller tras manter relacións sexuais con ela.
A falecida, romanesa de 44 anos, e o detido, senegalés de 30, non eran parella sentimental, engadiron as mesmas fontes, que precisaron que o home tiña antecedentes no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Viogén) en relación con outra muller.
Os axentes arrestaron o home no domicilio da vítima.