Continúa a busca da anciá desaparecida en Lugo dende o martes pasado
Isaura Vázquez, de 85 anos, foi vista por última vez na zona norte da cidade
Novo día de busca, e xa van catro, para tratar de localizar a Isaura Vázquez, unha muller de 85 anos da que a súa familia descoñece o seu paradoiro dende o martes pasado polo serán.
A desaparecida, veciña do barrio lucense de Fingoi, padece enfermidades dexenerativas e necesita medicación. Este sábado volvíase retomar o dispositivo para tentar localizar a muller.
"Evidentemente está nun sitio bastante agochado porque polo que din as brigadas que había onte, a xente respondeu moi ben, había moitos efectivos buscando, pero temos que atopala", conta José Novo, voluntario que participa na busca.
O dispositivo de busca está coordinado pola Policía Nacional e conta coa colaboración da Policía Local e de numerosos veciños e familiares, que dende as dez da mañá están rastrexando en catro puntos diferentes da cidade.
A muller foi vista por última vez na zona norte capital lucense, nunha froitaría e despois nunha cafetaría. Dende entón, perdéuselle a pista.
"É unha persoa baixiña, de pouco peso, o que pasa é que ten bastante mobilidade, e por iso non sabemos dicir un punto exacto", lamenta o voluntario.
Os familiares agradecen a colaboración da veciñanza e seguen pedindo que se alguén pode ter algunha pista sobre o seu paradoiro que se poña en contacto coa Policía Nacional ou Local.