Publicador de contidos

Publicador de contidos

Asalta catro negocios de Lalín e horas despois detéñeno na vila

Asalta catro negocios de Lalín e horas despois detéñeno na vila

Nos catro asaltos deixou máis danos en estragos que o valor do botín

Os catro negocios asaltados están nun tramo de menos de 300 metros no centro de Lalín
G24.gal 07/09/2022 14:12

A gravación de videovixilancia nun dos roubos en negocios de Lalín sitúa a acción minutos despois das catro da mañá deste martes. Nalgún caso botou máis de dez minutos dentro na busca de cartos e mesmo o tomou con certa  tranquilidade para satisfacer as ganas de comer. En total entrou en catro negocios e a fortaleza dunha das vidreiras impediu que fosen cinco.

Felipe Varela, propietario da carnicería asaltada, conta: "Romperon o cristal da porta de entrada e metéronse dentro. Un rapaz novo. Remexeu todo, levoume o cambio; aínda non sei ben canto. Aínda non sei que cousas faltan. Non me deu tempo nin de asimilalo. Ata cen euros puido levar. Había moedas de distinto valor para os cambios e non sei exactamente canto. Pero, ao redor de cen euros".

O presunto autor, un mozo veciño de Lalín, foi detido poucas horas despois no centro da vila. Na súa andaina de asaltos entrou na carnicería tras intentalo na tenda do lado. Para abrir paso empregou o valo metálico que colleu nunha obra próxima e un parasol dun bar situado algo máis abaixo. Foron os arietes que empregou para abrir paso noutros dous negocios da mesma zona comercial. O seu obxectivo eran os cartos, aínda que na carnicería consumiu algo.

"O  único que fixo foi comer un chourizo aquí dentro, e mercadoría non levou. Que eu saiba, vaia",  di Felipe Varela, dono dunha carnicería.

Nas galerías próximas rachou o vidro da porta desta tenda. Dela levou un billete de 20 euros que estaba roto e que xa recuperou a súa propietaria. E do salón de peiteados do lado levou unha tableta electrónica tamén interceptada pola Garda Civil e algo de solto.

A andaina completouna noutro salón de peiteados. Aquí empregou unha pedra para romoper o vidro da porta e tamén marchou con algo de efectivo dispoñible na caixa para as voltas no cobro. Os catro establecementos asaltados están  nun tramo que non chega a 300 metros nas proximidades da praza da Vila de Lalín. As vítimas coincidiron en que foi notablemente maior o trastorno e o gasto polos danos que deixou para entrar que o que levou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade