Publicador de contidos
Publicador de contidos

As vítimas do Alvia confían na independencia da xuíza fronte ao "Pacto da Curva"

As vítimas do Alvia confían na independencia da xuíza fronte ao "Pacto da Curva"

Percorreron rúas do centro da cidade e acabaron na Praza do Obradoiro para reclamar de novo "verdade" e "xustiza."

Hoxe cúmprense dez anos a traxedia que deixou 80 mortos e 144 feridos

G24.gal 24/07/2023 14:31

As vítimas do tren Alvia que o 24 de xullo de fai dez anos descarrilou nas proximidades da estación de Santiago de Compostela, co saldo de 80 vítimas mortais e 144 feridos, expresaron a súa confianza na independencia da xuíza Elena Fernández Currás fronte ao que denominan Pacto da Curva trazado polos diferentes gobernos para sinalar o maquinista como único culpable.

Un ano máis desde aquel fatídico día, e na mesma semana en que o xuízo quedará visto para sentenza, vítimas e familiares concentráronse na estación de tren da capital galega para iniciar un percorrido polas rúas do centro da cidade e acabar na Praza do Obradoiro para reclamar de novo "verdade" e "xustiza".

O presidente da plataforma de vítimas do Alvia Jesús Domínguez afirmou que transcorrida unha década desde a catástrofe "aínda non hai xustiza nin unha investigación técnica independente, como vén pedindo durante anos a Unión Europea", a quen agradece o trato recibido fronte ao desprezo con que, din, os trataron as institucións do Estado español.

Sobre a sentenza, que previsiblemente se coñecerá a finais de ano, o portavoz das vítimas incide en que seguen confiando na xuíza: "Porque cremos que si é independente, non así a Avogacía do Estado e o fiscal, que demostraron todo o contrario e foron contra as vítimas e contra a verdade", afirmou.

"Confiamos na xuíza", insistiu Domínguez, aínda que adiantou que no caso dunha sentenza negativa para os intereses das vítimas levarán o caso ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

"Evidentemente, confiamos na xuíza, pero en caso dunha resolución negativa nós seguiremos, e se temos que acabar en Estrasburgo farémolo porque temos os feitos, temos a razón e contamos co apoio da Unión Europea", afirmou.

Na marcha celebrada esta mañá desde a estación de tren ata a fachada principal da catedral de Santiago de Compostela, vítimas e familiares camiñaban detrás dunha gran pancarta en que se esixía "unha sentenza exemplar" para que non volva producirse unha catástrofe como a ocorrida fai dez anos.

Da mesma forma, e sen deixar de lado "o descoido" que cren cometeu o maquinista Francisco Garzón Amo, aseguran que recae unha "maior responsabilidade" nas causas que orixinaron o descarrilamento en Andrés Cortabitarte, naquel momento director de Seguridade na Circulación do Adif, ambos, os únicos procesados no proceso xudicial que conclúe esta semana.

Nun manifesto lido na Praza do Obradoiro as vítimas lembraron que a Unión Europea mantén un procedemento de infracción a España por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria e censuran o que denominan o Pacto da Curva dos diferentes gobernos para sinalaren o maquinista como único culpable e eludir levar a cabo unha investigación técnica independente, tal e como veu reclamando a UE.

Para as vítimas, o exdirectivo do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias: "Non cumpriu co seu deber de garantir que a liña era segura e desconectou o sistema de control de velocidade sen previamente realizar unha avaliación do risco que tal desconexión puidese implicar para a seguridade na circulación".

Critican, ademais, o xiro do fiscal do caso Mario Piñeiro ao retirar, "para sorpresa de todos", a acusación contra Andrés Cortabitarte, "seguindo ao pé da letra e sen ningunha razón de peso -sosteñen- os argumentos da Avogacía do Estado".

Neste sentido se pronunciou Javier, pai dun mozo falecido no accidente ferroviario, ao referirse á postura da Fiscalía. "A explicación é que tivo un toque de atención e probablemente teña aspiracións de ascenso", afirmou.

Tamén aludiu este pai a "situacións vergoñentas" que ao seu entender se produciron durante o xuízo, como as palabras do avogado do Adif: "que o outro día chegou a dicir que non ían pedir perdón ás vítimas porque non se sentían responsables", indicou.

"Nunca poderemos pechar as feridas" di Arturo Domínguez, voceiro da plataforma de vítimas. Pero confían, di, en que a xuíza "aplique xustiza" e "alivie dalgunha maneira toda esta dor". 

Juan Sierra, irmán dun falecido no accidente, afirma que "non van parar" ata que se faga xustiza. "Desexamos pechar este capítulo sempre que haxa xustiza, non sexa como sexa", insiste.

A traxedia ferroviaria ocorreu na curva da Grandeira, no barrio de Angrois, onde o tren, que circulaba a máis do dobre da velocidade permitida nese tramo, descarrilou. Esta tarde, nese fatídico lugar e tras a celebración dunha misa na catedral compostelá, volverá convocarse unha concentración en recordo das vítimas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade