Valencia volve saír á rúa na duodécima manifestación contra a xestión da DINA
Catro días antes do primeiro aniversario da catástrofe na que morreron 229 persoas, reclamaron a dimisión de Mazón
As asociacións de vítimas reclaman "verdade, xustiza e reparación" pero tamén "solidariedade e empatía"
Milleiros de persoas volveron saír á rúa en Valencia este sábado para reclamar a dimisión do presidente autonómico, Carlos Mazón, pola súa xestión da DINA do 29 de outubro de 2024.
É a duodécima manifestación, unha por mes, convocada na capital da comunidade por máis de duascentas entidades sociais, cívicas e sindicais co obxectivo de reclamar responsabilidades políticas pola "neglixente xestión" da catástrofe na que faleceron 229 persoas.
Familiares das vítimas encabezaron a protesta que reuniu máis de 50.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno, e 32.000 segundo a Policía Local.
Desta volta, ían acompañadas por un bombeiro e unha traballadora do 112, para amosar o apoio destes colectivos ás persoas que sufriron a traxedia. Segundo declararon, estarán con elas "todas as veces que faga falta".
"Mazón dimisión"
O lema da manifestación, "Mazón dimisión", coreouse durante o percorrido, que a cabeceira tardou dúas horas en completar entre a praza de Santo Agustín e a da Virxe, xunto ao Palau da Generalitat.
As vítimas amosaron fotografías dos seus seres queridos e carteis que reclamaban xustiza. Ao seu paso, foron aplaudidas constantemente pola xente que estaba nos laterais das rúas do centro da cidade.
Un ano despois no mesmo punto
A presidenta da Asociación de Vítimas Mortais da DINA, Rosa Álvarez, considerou "brutal" que un ano despois estean "no mesmo punto" e destacou que non só piden a dimisión de Mazón, que "abandonou" o seu pobo e "continúa sendo prescindible", senón tamén que se poña ao dispor da xustiza.
Explicou que entre as vítimas "hai moitísima dor e moita rabia", o que lles leva a loitar, e asegurou que "case ninguén" puido empezar o duelo, pero este apoio dálles sentido para seguir levantándose cada día.
A presidenta da Associació de Víctimes da DINA, Mariló Gradolí, indicou que seguen "reclamando a verdade, a xustiza e a reparación" porque "aínda non se asumiron responsabilidades políticas" e só recibiron do Consell "mentiras", pero ningún "rastro de solidariedade e empatía".
Esta manifestación reivindicativa, unha das máis numerosas dos últimos meses, estivo precedida por unha emotiva homenaxe cidadá en memoria de todas as vítimas mortais. O vindeiro mércores celebrarase no Museo das Ciencias de Valencia o funeral de Estado.