As universidades inician o curso co reto da remuda xeracional e a internacionalización
O presidente da Xunta avogou, no acto de apertura do curso, pola colaboración entre as tres universidades públicas galegas e por un pacto de Estado para incrementar o financiamento
Os universitarios regresan á clase o luns; e hoxe, tres días antes, abriuse oficialmente o curso universitario en Galicia. Durante o acto, o presidente da Xunta tendeulles a man ás tres universidades galegas para avanzar na colaboración. Alfonso Rueda tamén defendeu un pacto co Goberno central para destinar o un por cento do produto interior bruto a financiar a educación universitaria pública.
Pola súa parte as tres universidades públicas de Galicia avogaron pola internacionalización do alumnado para contrarrestar o descenso demográfico e por acertar coa substitución xeracional do profesorado que deben afrontar, á vez que apelaron tamén a un pacto entre o Goberno central e as autonomías sobre o financiamento destas institucións educativas.
Así o defendeu o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, xunto aos de Santiago de Compostela e A Coruña, nese acto de apertura de curso que se celebrou no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués.
Personalidades do mundo académico, social e político encontráronse no evento, entre eles, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Rueda considera que o novo curso será "determinante para seguir construíndo Galicia", apelou á educación como "ascensor social" e advertiu de que as universidades son "fundamentais" e o sistema universitario galego é "excelente".
O dirixente destacou o "espírito de colaboración entre as universidades" galegas, que compiten pero tamén cooperan, e mostrouse ambicioso: "Queremos mellorar e pola nosa banda tócanos perseverar no que funciona, como o plan de financiamento, que as universidades saiban a cantidade da que van dispoñer e non esperar aos últimos días para levar unha alegría ou un desgusto".
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reivindicou o "papel fundamental da universidade no futuro do país, que ten moito que ver -dixo- coas ideas".
Fixo un repaso pola historia universitaria galega e defendeu a descentralización que teñen ao contar con tres universidades e sete campus, algo que, opinou, é "un bo sistema".
A renovación do profesorado é, precisamente, unha das claves, na súa opinión, para o futuro das tres universidades, especialmente Santiago e Vigo, que están entre as que contan cun cadro máis veterano e deben "acertar" no cambio xeracional.
O reto demográfico cobra especial relevancia, para o reitor, xa que se espera unha "baixada importantísima" de alumnos a partir de 2030: dos 21.000 actuais a 14.000 en 2038, un terzo menos que agora.
Reigosa apostou por "un acordo conxunto" das tres universidades e a consellería, para atraer "estudantes do estranxeiro", que quedan "a traballar e a vivir" na comunidade e pediu ao Goberno central e as comunidades autónomas un "pacto" sobre o financiamento das institucións educativas, que deberían recibir o 1 por cento do PIB.
Reigosa valorou a cooperación entre as universidades e tamén a implantación do selo Cigus, de centros de investigación de excelencia.