Abre o prazo de matrícula anticipada para a PAU 2025
Neste prazo anticipado poden matricularse as persoas que aprobasen bacharelato ou FP superior en anos anteriores
A inscrición para alumnos que rematen bacharelato este ano empezará o día 15 de maio e realizarase desde os centros educativos
A data límite de matrícula para a convocatoria ordinaria é o 19 de maio

O calendario para á selectividade en Galicia, rebautizada este ano como Proba de Acceso á Universidade (PAU), arrinca este luns coa apertura de matrícula anticipada para a convocatoria ordinaria, que se desenvolverá do martes 3 ao xoves 5 de xuño de forma simultánea en varias comunidades autónomas.
En concreto, poden facelo xa, ata o 19 de maio e a través da aplicación Nerta, as persoas que aprobasen bacharelato e FP superior en anos anteriores.
Os alumnos que finalicen estes estudos no presente curso poderán facelo a partir do xoves 15, con data límite igualmente o luns 19 de maio. Neste caso a inscrición realízase nos propios centros.
Pasados os mencionados prazos, abrirase unha fase de corrección de erros ata as 13:00 horas do 21 de maio.
Os exames da convocatoria ordinaria da PAU serán do 3 ao 5 de xuño, segundo o calendario publicado pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), tras o acordo alcanzado hai case un ano entre a Xunta e outros gobernos autonómicos do PP para celebrar as probas os mesmos días.
As notas provisionais sairán pasada unha semana das probas, o 12 de xuño; mentres que as definitivas, tras revisións e segundas correccións, farano o 19 do mesmo mes.
En canto á convocatoria extraordinaria, destinada principalmente a alumnos que aprobasen Bacharelato nas recuperacións ou que suspendesen a PAU ordinaria, os exames serán do 1 ao 3 de xullo. A matrícula, nestes casos, estenderase entre os días 12 e 16 de xuño.
Horario dos exames
A web da CiUG ten publicada desde hai meses os horarios da PAU 2025, cuxos exames sufrirán algúns cambios como consecuencia da reforma impulsada polo Goberno central para facelos máis competenciais.
Por exemplo, as probas deixarán de ter os clásicos modelos A e B, que permitía a libre elección do alumno, e a optatividade pasará a estar dentro das propias preguntas, de modo que cada aspirante poderá escoller cales responder.
Outra das novidades deste ano é que o primeiro exame será o de Lingua Castelá e Literatura. O de Lingua Galega e Literatura, que o ano pasado se desenvolveu na primeira xornada, será nesta ocasión o último día.
Isto implicará que todos os estudantes deberán acudir durante as tres xornadas, cando o habitual era que na última xornada se realizasen só probas dalgunhas materias optativas, polo que había alumnos que xa non tiñan que ir.
Martes 3 de xuño
Así, en Galicia iniciarase ás 9:00 horas do martes 3 de xuño cunha introdución en que os aspirantes recibirán información de como se desenvolverán as tres xornadas.
Tras isto, chegará o primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura, de 9:30 a 11:00 horas. Durará dúas horas, cando ata o momento eran de hora e media. Despois do descanso, as probas continúan cos exames das materias a escoller entre Historia de España e Historia da Filosofía, entre as 12:00 e as 13:30 horas.
A primeira xornada retómase ás 16:00 horas cos exames de Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñería II, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio e coa segunda lingua estranxeira: Alemán, Francés, Inglés, Italiano e Portugués.
Tras o descanso, das 17:30 ás 18:00 horas, será a quenda dos estudantes que se examinen de Física, Grego, Fundamentos Artísticos e Historia da Música e da Danza. A sesión do martes conclúe así ás 19:30 horas.
Mércores 4 de xuño
A segunda xornada, a do mércores 4 de xuño, arrincará ás 9:30 horas coa proba da primeira lingua estranxeira: Inglés, Francés, Alemán, Portugués e Italiano. Tras un descanso de media hora, retómanse os exames con Matemáticas II, Latín II, Debuxo Artístico II, Artes Escénicas e Ciencias xerais.
A sesión da tarde inicia ás 16:00 horas coas probas de Química, Xeografía, Deseño e Movementos Culturais e Artísticos. Tras o descanso, de 17:30 a 18:00 horas, a xornada finaliza coas probas de Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Historia da arte, Técnicas de Expresión Gráfico-plástica e Literatura Dramática.
Xoves 5 de xuño
A última xornada de exames, o xoves 5 de xuño, comezará coa proba de galego, que tras o descanso, das 11:00 a 11:30 horas, dará paso aos exames de Debuxo Técnico II, Matemáticas Aplicadas ás CC. Sociais II, Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño II e Análise Musical.
Así, ás 13:00 horas do xoves, daranse por concluídas as probas da PAU de 2025.