As universidades garanten a recuperación dos exames aos alumnos afectados pola covid–19
Os estudantes enfermos ou en corentena terán que comunicalo na Universidade para activar o protocolo de recuperación
Estudantes e profesores acordarán como e cando se recupera a proba
Comezan os exames de xaneiro nas universidades galegas, que xa teñen un protocolo previsto para os estudantes que non poidan asistir á convocatoria por mor da covid–19.
Sexa positivo, estea en corentena por contacto ou teña síntomas compatibles coa enfermidade, o primeiro que ten que facer o alumno é comunicalo á oficina covid da súa universidade. Dende aí, poñerán en contacto a profesor e alumno para buscaren unha alternativa.
"Pódese fixar unha data alternativa para realizar esas probas ou activar outras opcións, como un exame non presencial", explica Antonio López, reitor da USC. Dun xeito ou doutro, está garantido o dereito a recuperar o exame.
"Que teñan total tranquilidade de que van recuperar o exame", afirma o vicerreitor da Universidade de Vigo José Luís Míguez. Reitera a mensaxe o reitor da Universidade da Coruña Julio Abalde e asegura que os alumnos que perdan o exame poderán facelo "nas mesmas condicións que os compañeiros que non están afectados pola covid–19".
E mantéñense os protocolos para as probas presenciais: distancia, máscara e ventilación para evitar contaxios. As clases retomaranse en febreiro.