Zelenski, ante as negociación con Rusia: "As vindeiras horas serán cruciais"
As primeiras negociacións entre Kiev e Moscova terán lugar tras cinco días de bombardeos e invasión
Acudirán representantes dos dous países, pero non haberá cesamento do fogo ningún
Na capital ucraína escoitáronse explosións preto da cidade pero, polo de agora, semella que Kiev resiste o asedio ruso. Con toque de recollida de día e procura de refuxio subterráneo de noite. Aí viven case tres millóns de persoas, e o alcalde asegura que os seus cidadáns están preparados para loitar.
O reconto do Goberno ucraíno é de máis de 350 civís falecidos dende o inicio desta guerra, entre eles catorce nenos. As tropas rusas entraron na segunda cidade do país, Kharkiv; con todo, as autoridades locais sosteñen que continúa baixo mando ucraíno.
O exército invasor informa de progresos na ofensiva: din ter o control de dúas grandes localidades ao sur do país e reivindican avances o leste. Iso si, por primeira vez os rusos recoñecen mortos, prisioneiros e feridos nas súas filas, sen daren cifras.
Pouco antes das primeiras negociacións entre os dous bandos en conflito, o Kremlin elevou o ton e Putin ordenou activar o arsenal nuclear, di que polas reaccións internacionais, que cualifica de agresivas.
As vindeiras horas serán cruciais, recoñece o presidente Zelensky. As delegacións de Rusia e Ucraína reuniranse hoxe na fronteira con Belarús.