Publicador de contidos

Publicador de contidos

As traballadoras no fogar comezarán a cotizar por desemprego en outubro

As traballadoras no fogar comezarán a cotizar por desemprego en outubro

Será obrigatorio cotizar por desemprego e ao Fondo de Garantía Salarial (Fogasa)

Estas cotizacións estarán bonificadas nun 80 % para os empregadores

G24.gal 06/09/2022 13:52 Última actualización 06/09/2022 14:28

O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto lei co que se dá dereito á prestación por desemprego para as empregadas de fogar, que comezarán a cotizar por ese concepto desde outubro, e limítase a figura do desestimiento, que permitía o despedimento sen causa.

Traballo sinala que será obrigatorio cotizar por desemprego e ao Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) a partir do 1 de outubro e que estas cotizacións estarán bonificadas nun 80 % para os empregadores.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz destacou que "grazas ao Goberno de coalición as mulleres traballadoras do fogar conquistan os dereitos en sentido pleno".

Segundo os últimos datos da Seguridade Social, hai 373.121 persoas traballadoras do fogar afiliadas.

A voceira do Goberno Isabel Rodríguez sinalou que con este decreto dan "dignidade" a este colectivo composto maioritariamente por mulleres, á vez que seguen "na senda de axudar na corresponsabilidade e a conciliación das familias traballadoras".

Así, asegurou que esta prestación "non vai implicar un maior custo para a maioría das familias", xa que son as de "clase media" as que acoden a este servizos para atender os seus fillos ou maiores, aburados polos seus compromisos profesionais.

Equiparar dereitos co resto de traballadores

A partir do 1 de outubro será obrigatorio cotizar por desemprego e ao Fogasa, aínda que os empregadores terán dereito a unha bonificación do 80 % nas achegas empresariais, en tanto que se mantén a redución do 20 % na achega empresarial á cotización por continxencias comúns.

Xunto a isto, os tramos de bonificación nas cotizacións por continxencias comúns elevaranse por encima do 20 % "en función da composición do fogar e tamén dos niveis de renda e de patrimonio".

Este punto será desenvolvido nun regulamento, para o que os ministerios de Traballo e Seguridade Social se deron un prazo de seis meses, explicou Díaz.

O decreto restrinxe a figura da desistencia, que permitía o despedimento sen xustificar causa ningunha, de forma que queda limitada a determinados supostos e a partir de agora o empregador deberá acreditar os motivos que poidan dar lugar á finalización do contrato.

Esta norma trata de equiparar os dereitos destas empregadas cos do resto de traballadores, pero tendo en conta as súas "peculiaridades, xa que os empregadores non son ordinarios", explicou a ministra.

Así mesmo, incorporan estas traballadoras ao dereito á prevención de riscos laborais e ao de formación, dixo, xa que se trata dun colectivo que cada vez require "de maior especialización, de mulleres máis formadas".

O Goberno comprométese tamén a crear unha comisión de estudo para incluír a perspectiva de xénero no cadro de enfermidades profesionais para que se identifiquen e se corrixan as deficiencias que existen nos traballos desenvolvidos maioritariamente por mulleres.

"Estamos a corrixir as discriminacións do lexislador (...), que optou por considerar que hai unha desvaloración no traballo realizado por mulleres", dixo Díaz. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar