Publicador de contidos
Publicador de contidos

As proxeccións de inflación na Arxentina dispáranse ao 169,3 % para todo 2023

As proxeccións de inflación na Arxentina dispáranse ao 169,3 % para todo 2023

A taxa de inflación de agosto foi do 12,4 % e  para este mes de setembro prevén unha taxa de inflación do 12 %

A de 2023 será a taxa máis alta rexistrada na Arxentina desde a hiperinflación de 1989-1990

G24.gal 14/09/2023 08:17

Os analistas que mes a mes consulta o Banco Central arxentino para o seu informe de expectativas de mercado aumentaron ao 169,3 % o seu prognóstico de inflación para este ano no país suramericano. 

A proxección sobre a evolución dos prezos retallistas foi corrixida á subida en 28,6 puntos porcentuais respecto á anterior sondaxe, realizada en xullo. 

De acordo coa Revisión de Expectativas de Mercado correspondente a agosto último e cuns resultados que foron dados a coñecer este mércores, os expertos esperaban que a inflación subise no oitavo mes do ano un 11,8 % en comparación con xullo último. 

Esa proxección quedou superada pola medición do índice de prezos ao consumidor feita polo Instituto Nacional de Estatística e Censos (INDEC), que este mércores informou que a taxa de inflación de agosto foi do 12,4 %. 

De acordo á consulta feita polo Banco Central entre o 29 e o 31 de agosto, os economistas privados proxectan para este mes de setembro unha taxa de inflación do 12 %

Para os meses vindeiros, prognostican tamén taxas moi elevadas: 9,1 % en outubro, 9,4 % en novembro, 13,2 % en decembro e 14,3 % en xaneiro de 2024. 

De concretárense eses prognósticos, a de 2023 será a taxa máis alta rexistrada na Arxentina desde a hiperinflación de 1989-1990 e superará amplamente o índice do 94,8 % rexistrado o ano pasado. 

O salto inflacionario rexistrado en agosto está directamente relacionado coa brusca desvalorización do 22 % que sufriu o peso arxentino o pasado 14 de agosto, un día despois das eleccións primarias na Arxentina con vistas aos comicios presidenciais de outubro. 

A súbita desvalorización no tipo de cambio oficial traduciuse de inmediato nunha alza do prezo do dólar nas cotizacións paralelas que seguen moitos elos da economía para fixar prezos en todo tipo de bens e servizos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade