As primeiras horas da folga en Ryanair e Easyjet deixan poucas incidencias en Santiago
Os tripulantes de cabina de Ryanair están hoxe na súa quinta xornada de folga, polo momento cun impacto moito menor ao de onte
En contraste coa xornada de onte, hoxe está sendo un día bastante tranquilo no aeroporto da Lavacolla.
Os voos de EasyJet non operan ata primeira hora da tarde, así que polo momento non podemos avaliar o impacto da folga aquí en Galicia. Si que hai voos de Ryanair -houbo durante toda a mañá-.
Nesta quinta xornada de folga dos tripulantes de cabina e apenas se produciron pequenos atrasos e non houbo cancelacións. Chegaban a tempo os voos de primeira hora e embarcaban con normalidade os que viaxaban a Londres e a Milán. O de Bordeos saíu con vinte minutos de atraso.
Mentres, moitos pasaxeiros adiantaban a súa chegada ao aeroporto ante a previsión de que puidese haber incidencias.
Os traballadores denuncian que a empresa tira de prácticas ilegais en España para minimizar o impacto das súas reclamacións. Denuncian tamén presións individuais.
"No aeroporto de Santiago o voo que ía á Palma puxeron tripulación do Reino Unido. Meten xente extracomunitaria para facer esquirolaxe", denuncia desde o Sitcplan Miriam Jurado.
"Eu onte estaba exercendo o meu dereito á folga e o meu teléfono non paraba de soar. Chegaron a chamar ao teléfono de emerxencia, no que eu teño á miña nai por se me pasa algo, e chamárona repetidamente para que eu me incorporase a un voo", explica a azafata Noemí Lorenzo.
Os sindicatos esperan que o efecto de acumulación dos atrasos xunto co límite ás horas de traballo poidan provocar esta tarde algúns atrasos maiores.