As pasaxes ás Illas Cíes están xa completas nesta primeira fin de semana do verán
As navieiras que operan as liñas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas traballan para desestacionalizar o turismo e que os viaxeiros as visiten todo o ano
Das case 500.000 persoas que visitaron no 2024 as catro illas, Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, máis da metade optaron polas Illas Cíes debido á fama das súas praias, area branca e augas transparentes
Primeira fin de semana do verán e primeiro cheo total do barco a Cíes, onde non hai billete xa nin o sábado nin o domingo en ningunha das pasaxes da mañá. As navieiras preven que as cifras deste ano igualen as do verán 2024.
As navieiras qe operan as liñas ao Parque Natural das Illas Atlánticas preparan xa as novas frecuencias de pasaxes do verán. Dada a demanda turística adiántanas á fin de semana que ven. Este sábado e este domingo por exemplo, cóntannos desde a Navieira Mar de Ons que xa non teñen billetes dispoñibles para ir ás Illas Cíes, somente uns poucos na modalidade de visitas guiadas.
Precisamente esta modalidade, que o ano pasado se incrementou un 13%, é o que queren potenciar. Porque máis aló do sol e das praias do que chaman o Caribe galego, Cíes ofrece natureza, etnografía e cultura. O cupo por día seguirá sendo 1800 persoas. Difícil superar as case 294.000 que visitaron as Cíes o ano pasado.
A imaxe das longas rengleiras de turistas embarcándose para pasar o día nas illas Cíes repetirase ata ben entrado setembro. Na tempada alta as reservas fanse cada vez con máis tempo de antelación. Mínimo tres semanas.
As navieiras buscan hoxe un turismo ás illas Cíes, ao todo o parque Nacional das Illas Atlánticas, máis aló do verán. Tamén animan aos turistas a que non busquen só auga cristalina e a area branca.
"Hoxe están completas todas as modalidades de visitas pero para o domingo quedan unhas poucas prazas na modalidade de visitas guiadas. Nós contamos cun equipo de guías acreditados e expertos que ensinan ao visitante que as Illas Cíes, as Illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas non só son praia e sol", conta TVG Noelia Iglesias, da Navieira Mar de Ons.
"Facendo unha ruta guiada é como realmente se coñece toda esa parte histórica e cultural ademáis da tradición das Illas Cíes. Nós sempre recomendamos: se se vai facer unha xornada completa, pola mañá aproveitar e facer unha rutiña e despois hai tempo dabondo á tarde para disfrutar das praias", engade Nuria Búa, guía oficial do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Do case medio millón de persoas que visitaron as Illas Atlánticas no 2024, Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, arredor do 60% foron visitas ás Illas Cíes.