As oposicións de Educación enchen as academias
Ofertaranse 2.628 prazas para profesorado co sistema de exames habitual
O anuncio da convocatoria motiva a alumnos e preparadores
Fani, de 25 anos, vai opositar a unha das 180 prazas anunciadas para Educación Infantil. Ten moitas esperanzas postas nesta convocatoria porque hai máis prazas e porque se mantén o sistema de exames eliminatorios para o que ela se viña preparando.
"É un incentivo, vou por todas, este pode ser o ano, sobre todo porque é moi posible que para o que vén cambie o sistema de oposición", explica Fani.
Algúns falan dunha oportunidade histórica, e iso nótase nas academias. As aulas presenciais e virtuais volven estar aos topes, non tanto por novas incorporacións, senón por alumnos que recuperan a motivación ante unha oferta de máis de 2.600 prazas en 61 especialidades.
"Evidentemente, ver o número total de prazas e coñecer o sistema de probas, saber como van ser os exames axuda, anima", di Roberto Rei, xefe de estudos da Academia Premir, en Santiago. Alfonso Villares, de Academia Nós, engade que "non é que haxa moitas novas incorporacións, pero si se temos agora xente que a preparou outros anos e agora vén refrescar".
Despexadas as dúbidas da convocatoria, preparadores e alumnos din que afrontan con máis tranquilidade o que queda de curso. Agora toca pegar o empurrón final porque a meta desta carreira de fondo está no mes de xuño.