As obras de mellora do firme da A-8 en Ribadeo provocarán cortes de tráfico desde este luns
Haberá cortes en sentido Oviedo desde este luns e ata o xoves 27 de novembro
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible iniciará este luns os traballos de mellora do firme na calzada esquerda (sentido Oviedo) entre os quilómetros 508 e 516 da Autovía do Cantábrico (A-8), ao seu paso polo termo municipal de Ribadeo, na provincia de Lugo.
Por iso, para garantir a seguridade dos traballadores e dos usuarios da autovía, procederase ao corte da calzada esquerda (sentido Oviedo) da A-8 no tramo de obras, desde este luns, 24 de novembro, ao xoves, 27 de novembro, entre as 08:00 e as 20:00 horas. Tamén permanecerá cortada o venres, 28 de novembro, pero só de 08:00 a 13:00 horas.
En todo caso, o Ministerio avisa nun comunicado de que a duración dos traballos podería variar en función das condicións meteorolóxicas.
Para asegurar a fluidez do tráfico, habilitarase un itinerario alternativo, debidamente sinalizado, a través da N-634 desde a saída 516. Os usuarios poderán reincorporarse á autovía no quilómetro 508 (ligazón Ribadeo-Polígono). En sentido Lugo, o tráfico circulará de maneira habitual.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a executar as obras de conservación e mantemento de varios tramos de estrada na provincia de Lugo.
Esas actuacións, adxudicadas na súa totalidade por un importe de 12,18 millóns de euros, enmárcanse no contrato para o mantemento preventivo e mellora da Rede de Estradas do Estado en Galicia.