Publicador de contidos

Publicador de contidos

As forzas soberanistas ameazan con tombar a reforma laboral no Congreso se non se cambia o texto

As forzas soberanistas ameazan con tombar a reforma laboral no Congreso se non se cambia o texto

ERC, Bildu, o BNG e a CUP asinan unha declaración conxunta en que piden que a norma se tramite como proxecto de lei para poder introducir emendas

G24.gal 27/01/2022 20:00

As catro forzas soberanistas, que suman 21 escanos no Congreso, fan fronte común contra a reforma laboral pactada cos axentes sociais.

Nunha declaración conxunta pídenlle ao Goberno que a tramite como proxecto de lei para poder introducir cambios no texto. En caso contrario ameazan con tombala na votación da semana que vén.

Néstor Rego, deputado do BNG,  explica: "No Bloque Nacionalista Galego temos claro que derrogar a reforma laboral do PP é incluír os elementos centrais que están nesta declaración conxunta".

Só Esquerra Republicana deixa a porta aberta. De momento continúan negociando con Yolanda Díaz.

A vicepresidenta segunda do Goberno advírteos:  "Non sei se saben en Cataluña que nunca me levanto dunha mesa, é dicir, que vou esgotar a negociación. É moi difícil dicirlle que non a algo que é bo para a xente".

Pedro Sánchez desoe o ultimato dos seus socios de investidura e insiste: "Pídolle ao Poder Lexislativo, aos grupos parlamentarios, que validen unha reforma laboral que é boa".

Polo momento o Goberno ten o apoio provisional de Ciudadanos. O do PP parece descartado.

"Parece que o Goberno ten problemas para aprobar a reforma laboral. Como non nos chamaron, mantémonos na nosa posición", di Pablo Casado, presidente dos populares.

Ao Goberno quédalle unha semana para conseguir os apoios. O decreto votarase o xoves que vén no Congreso.

Os axentes sociais apelan á responsabilidade das forzas políticas para que validen a reforma

Tanto a patronal coma os sindicatos consideran que a reforma laboral que conseguiron tras nove meses de negociación é boa para España. E din que lle dará estabilidade ao país. Pero aseguran que agora a responsabilidade está en mans dos partidos políticos.

Antonio Garamendi, presidente da CEOE, di: "Alá eles coa súa responsabilidade. Nós estivemos nove meses traballando e pensamos que aprobar a reforma laboral é moi bo para España. Pero agora xa está na man dos políticos esa responsabilidade".

Pepe Álvarez, secretario xeral de UXT: "Estamos ante unha reforma histórica. Por primeira vez desde a aprobación do Estatuto dos Traballadores hai unha reforma que mellora as condicións laborais do país".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade