Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP pídelle de novo ao Congreso que paralice a indemnización de Cerdán como exdeputado

O PP pídelle de novo ao Congreso que paralice a indemnización de Cerdán como exdeputado

É a segunda vez que os populares solicitan que non se lle aboen os 19.400 euros que lle corresponden polos seis anos que estivo no escano 

Jesús Hellín / Europa Press Jesús Hellín / Europa Press
G24.gal 03/07/2025 09:28

O PP rexistrará este xoves un novo escrito dirixido á presidenta do Congreso Francina Armengol para reiterarlle que paralice o pago solicitado polo exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán en calidade de exdeputado e pedirlle que envíe a súa declaración de bens ao Tribunal Supremo.

Os populares formularán de novo a súa solicitude tras o ingreso en prisión de Cerdán e ante a falta de resposta de Armengol ao escrito que remitiron o pasado 21 de xuño para que impedise o aboamento da indemnización, explicou o PP nun comunicado.

O exdirixente socialista recibirá unha indemnización duns 19.400 euros brutos polos seis anos que mantivo o escano. A contía da indemnización por cesamento é o equivalente a unha mensualidade da asignación constitucional por cada ano de mandato parlamentario, cun límite de 24 mensualidades.

O PP considera de vital importancia o achado por parte da Garda Civil dun contrato de compravenda, segundo o cal o exdeputado sería propietario desde 2016 do 45 % da construtora navarra Servinabar.

Argumenta que a confirmación deste feito ocultado por Cerdán lle impediría exercer como deputado, xa que significaría o incumprimento da normativa en materia de incompatibilidades e de declaracións sobre actividades e bens.

Por estas razóns, e tendo en conta a especial situación procesual do exdeputado, o PP solicita agora ademais a Armengol que remita á Sala do Penal do Tribunal Supremo, que instrúe a causa de Cerdán, as súas declaracións de actividades e rendas e intereses económicos que constan no rexistro de intereses da Cámara.

Tamén lle pide que remita ao Supremo a solicitude de indemnización por cesamento presentada para que o maxistrado instrutor a incorpore ao expediente ou inicie algunha actuación se o considera oportuno. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade