Publicador de contidos

Publicador de contidos

As feiras convértense nun reclamo turístico no verán

As feiras convértense nun reclamo turístico no verán

Comer o polbo e facer compras nos postos ambulantes son todo un reclamo para os visitantes

A Galega estivo este sábado na de Xinzo de Limia

G24.gal 26/07/2025 18:01

Netos e avós compartindo mesa na feira. Unha estampa típica do verán que reúne familias separadas por centos de quilómetros o resto do ano.

"Gústanos vir á feira e comer o polbo, e beber un vasiño de viño". "Fomos á feira e agora a comer o polbo cos avós". "Eu sempre me escandalizo porque alí é moi caro. Aquí, cun prezo mellor, está máis bo", comentan un avó dos Blancos e as súas netas de Tarragona.

Comer unhas racións de polbo na feira é un placer ao que se entregan moitos veraneantes que regresan por vacacións ás súas aldeas.

"Recórdame os tempos da nenez e a xuventude. Eu marchei de aquí con vinte anos e vimos cada ano", sinala unha muller.

No mercado tamén se misturan os acentos. Máis que compras, a maioría busca experiencias.

"Vimos de Bilbao, unha cuadrilla, porque a familia dun dos amigos é de aquí, de Xinzo".

"Eu viña desde rapaza cos avós, cos pais... e agora quería ensinarlle a meu home e a miña filla como é a vida por aquí".

"Gústame vir á feira porque vexo moita xente coñecida. É coma se fora un punto de encontro".

Pero tamén aproveitan para mercar eses produtos que só se poden conseguir aquí.

"Vendo pementos e tomates de Oímbra, pementos de Padrón, a pataca procuramos traela de aquí, non de Exipto nin de Francia", explica un vendedor.

En Xinzo, coma en tantas vilas galegas, hai dúas feiras ao mes, pero son as de xullo e agosto as que congregan máis visitantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade