Publicador de contidos

Publicador de contidos

As familias do Villa de Pitanxo insisten en que se investigue a fondo o naufraxio e en que se baixe ao barco

As familias do Villa de Pitanxo insisten en que se investigue a fondo o naufraxio e en que se baixe ao barco

Reclaman unha reunión co presidente Sánchez para esixirlle que poña todos os medios para saber a verdade sobre a afundimento

Agradecen ao sobrevivente ghanés Samuel Koufie que denunciara as presións recibidas, que busque a verdade e que pida xustiza

Traballos de busca do Villa de Pitanxo en Terra Nova
G24.gal 09/04/2022 10:07 Última actualización 13:55 09/04/2022

As familias dos 21 falecidos e desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo en Terra Nova amosan a súa esperanza en que avance a investigación sobre o que pasou o día en que o pesqueiro foi a pique. Así o aseguraba no espazo informativo Bos Días da TVG a voceira dos familiares, María José de Pazo.

"Estamos expectantes e agardabamos os pasos que se están dando e queremos que pasiño a pasiño se avance, se encarrile a investigación e o proceso xudicial en marcha", insistía de Pazo.

Sobre as presións que o mariñeiro sobrevivente Samuel Koufie denunciou por parte do armador para darlle instrucións sobre a versión que debía dar nas súas declaracións no Canadá e do propio patrón para encubrir as súas supostas neglixencias, agradécenlle que sexa un baluarte da verdade.

"Os tripulantes do barco que auxiliaron os mariñeiros do Villa de Pitanxo referendan o dito por Koufiie e confirman as presións xa a bordo do Playa Menduíña Dos", din as familias.

Ante este panorama, as familias dos falecidos e desaparecidos esixen que se coñeza a verdade do que aconteceu no tráxico afundimento, para o que piden que se poñan todos os medios posibles e denuncian o que consideran intentos de pechar a investigación por parte da Administración. 

"Sempre reclamamos que se baixe ao barco. O informe que nos entregou o delegado do Goberno en Galicia é un folio e medio sen data para dicir que non, sen base nin afirmacións de expertos, nin motivación, son vaguidades". 

Asegura que se intenta desacreditar as familias con cousas que eles nunca esixiron desde o afundimento.

"No informe din que non é posible que interveñan mergulladores, cando ninguén os pediu. Reclamamos robots que existen do IEO. Aseguran neste suposto documento técnico que é unha zona de profundidade, cando non se mediu", insisten.

Cren que a situación demostra a falta de rigor e de interese por buscar o Villa de Pitanxo, polo que reclaman unha nova reunión co presidente Pedro Sánchez para que coñeza a realidade.

"O informe é unha vergoña, un desprezo ás familias dos 21 mortos no mar sen data nin datos. Non é decente. Esperamos por isto desde o 24 de febreiro para nada", din.

Insisten en que, tras o coñecido esta semana, baixar ao pesqueiro é o único que piden. Un maxistrado da Audiencia Nacional tipifica delitos graves no ámbito laboral, 21 supostos delitos de homicidio imprudente.

"Son palabras maiores, calquera accidente mortal debe de ser investigado e este non é unha excepción. O barco é unha proba fundamental", aseguran as familias.

Queren tamén deixar claro que son cautos, que respectan as investigacións e a instrución, que está nos seus inicios, pero que distintos expertos publican hipóteses que coinciden co que di Samuel.

"Hai indicios de neglixencias ou delitos, pero as familias esperamos que continúe a investigación técnica das causas e a xudicial cando haxa un tribunal competente", insiste María José de Pazo.

As familias tamén lle van pedir unha reunión á vicepresidenta do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xa que hai 21 traballadores do mar falecidos nun accidente sen que se saiban as causas. Pídenlle que se poña á fronte do asunto para que os falecementos dos mariñeiros do Villa de Pitanxo sirvan para algo, e para previr que un accidente destas características non suceda outra vez.

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade