Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os tripulantes do narcoveleiro da Guarda sinalan a Carlos Silla como cerebro da operación

Os tripulantes do narcoveleiro da Guarda sinalan a Carlos Silla como cerebro da operación

O patrón do Benirrás relata no xuízo como foi a travesía polo Atlántico para recoller a droga no Brasil e traela a Galicia

Os nove detidos pola operación Lince están acusados de tentar introducir 4 toneladas de cocaína pola ría de Arousa en 2020

G24.gal 01/06/2023 14:08

Segunda xornada do xuízo pola operación Lince, con nove acusados no banco por tentar introducir -presuntamente- catro toneladas de cocaína pola ría de Arousa en 2020.

Tres dos acusados declaráronse culpables e recoñeceron os feitos que se lles imputan. Na súa declaración na Audiencia Provincial de Pontevedra, relataron o seu papel na operación. O primeiro en declarar foi o patrón do veleiro que trouxo a carga. 

Levou o veleiro Benirrás ata Huelva, abastecérono alí para a travesía, enrolou outros dous tripulantes e saíron ao mar. Foron buscar un cargamento de droga ao outro lado do Atlántico, á costa de Brasil, e todo iso, declarou Antolín Fernández Pajuelo, baixo as ordes de Carlos Silla. 

Dixo que non era a primeira vez que traballaba para el, nin ía ser a última porque tiña outro golpe previsto. A misión, declarou, estaba clara: "traficar" -dixo- traendo cargamentos de cocaína. Unha encarga que tiña previsto cobrar ben: "800.000 euros", afirmou.

Declarou outro dos tripulantes do Benirrás, que se enrolara como mariñeiro a cambio, dixo, de 50.0000 euros. Foi o que, despois de descargar a droga nas lanchas ao chegar, tiña que volver con Pajuelo no veleiro ao Algarve, pero afundiron o barco ao saber que a descarga fora interceptada.

Tamén sinalou a Carlos Silla como cerebro da operación: dixo que foi unha terceira persoa a que o puxo en contacto con el para o traballo. "Díxome que me ía presentar unha persoa para a que el traballaba, que resultou ser Carlos Silla, que me ía ofrecer un traballo".

Tanto el coma un dos lancheiros que participaron na descarga recoñecéronse culpables dos feitos, e declararon estar arrepentidos por eles. O suposto organizador da operación, Carlos Silla, declarará ao final do proceso, despois de que se practique a proba. Para el pide a Fiscalía 18 anos de cadea e 360 millóns de euros de multa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade