As confrarías piden ao Goberno que corrixa o novo regulamento europeo de pesca
As pesaxes a bordo e a comunicación da chegada a porto, son os asuntos que máis preocupan á baixura
"As normas son definitivas pero hai posibilidade de corrección", afirmou o presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, no programa 'Bos días' da Televisión de Galicia
O sector reunirase co Ministerio de Pesca o vindeiro 19 de xaneiro en Madrid
O pasado 10 de xaneiro entrou en vigor o novo regulamento europeo de control da pesca, que estaba aprobado desde 2023.
A normativa, entre outras novidades, establece, para os barcos a partir de doce metros, a obriga de comunicar a porto a chegada das embarcacións con catro horas de antelación e a pesaxe da totalidade das especies capturadas.
"As normas son definitivas pero hai posibilidade de corrección, o Goberno pode reducir a previa ou declarar a exención desta frota", asegurou Basilio Otero, Presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior de Burela, no programa Bos días da Televisión de Galicia.
O regulamento provocou as protestas do sector da baixura, que considera imposible de cumprir para esta frota, dado que pode pescar moi preto da costa, a poucos minutos dos peiraos, e carece de instrumentos de medición a bordo.
O limiar de tolerancia entre o que se declara e o que se pesa ao chegar a porto é do 20 %, unha marxe que lles parece insuficiente dado que as pesaxes nos barcos se fan a ollo. As multas por superalo son de 3.000 euros por cada variación. Na lei anterior, as capturas inferiores a 50 quilos estaban exentas da medición, que agora se aplica desde o quilo cero.
"O problema é que tratan igual un barco de 12 metros que un barco de 70, e os grandes tamén teñen problemas porque, por moita báscula que teñas a bordo, en cantidades moi pequenas é moi fácil pasarse desde 20 % e cada equivocación son 3.000 euros; se de 23 pesadas hai 12 mal son 36.000 euros, é unha absoluta aberración", afirmou Otero.
O sector reunirase co Ministerio de Pesca o vindeiro 19 de xaneiro en Madrid.