A chuvia intensa do domingo causou importantes estragos en varios negocios das Pontes
Algúns víronse na obriga de pechar este luns
Agora toca avaliar danos, malia que saben que serán cuantiosos
Unha intensa tromba de auga sorprendeu este domingo á tarde os propietarios dunha panadería da avenida de Galicia.
"Inundouse todo o falso teito e ao final filtrou para dentro. E co medo porque non sabes que pode pasar, o teito está mollado e con moito peso enriba", explica Alexandre Pérez-Sindín, o propietario da panadería Toñita.
Estiveron horas e horas, ata pasada a medianoite, achicando auga.
"Acabamos achicando auga cos recolledores porque coas fregonas xa non se podía", di Valentiña Pérez, traballadora da panadería Toñita.
"Estivemos ata as doce e media da noite limpando. Cando parou un pouco, marchamos. Per oao volver ás sete e media da mañá... volvía estar todo anegado", engade Pérez-Sindín.
Outro dos locais moi afectados foi a cervexería Medulio da rúa Rosalía de Castro. Alí a auga tamén se filtrou polo teito e as paredes... deixando todo anegado.
"Afectou tamén ao andar superior e á discoteca que está debaixo. Levamos aquí trinta anos e nunca tal nos pasou", comenta Juan Trastoy, propietario do negocio.
Eles foron dos máis prexudicados, pero non os únicos. Este martes xa recuperaron a actividade. Porén agora toca avaliar os danos, que saben que van ser cuantiosos.