As canteiras de Celta e Real Sociedade emulan os primeiros equipos (2-1)
As canteiras de Celta e Real Sociedade emulan os primeiros equipos (2-1)
Clara vitoria celeste que leva gañados seis dos sete últimos partidos como local
Na última xornada de decembro o Celta gañoulle por 2-0 á Real Sociedade. Menos dun mes despois os seus filiais enfrontáronse na Primeira Federación cun resultado moi semellante. Vitoria dun Celta Fortuna que xa tiña os dous tantos de vantaxe na primeira metade. O equipo de Fredi segue mirando cara arriba despois de gañar o sexto partido dos sete últimos que xogou como local.
Non estaba a acontecer moito ata que no minuto 17 Óscar Marcos conectou unha cabezada que entrou na rede despois de petar nas costas do porteiro donostiarra.
Antes do descanso marcou o segundo o Celta Fortuna nunha presión alta que lles permitiu recuperar o coiro moi preto da porta de Fraga e Ángel Arcos non perdoou.
No segundo tempo o equipo vigués deixoulle a iniciativa a unha Real Sociedade B que non conseguiu xerar perigo na porta de Vidal. Pola contra o Celta tivo unha gran ocasión para marcar o terceiro nun remate de Jordi Escobar co calcaño que salvou Fraga.
No treito final recortou diferenzas Mariezkurrena logo dun penalti cometido por Yoel Lago, pero o Fortuna aguantou e levou outros tres puntos que o sitúan con 28 puntos nunha situación privilexiada para rematar a primeira volta.