As bolsas rebotan atentas a Ucraína e aos efectos das sancións a Rusia
A bolsa rusa rebota con forza logo do forte descenso do xoves
O prezo da luz alcanzará este sábado o seu máximo anual
Calviño pide que a UE tome medidas de apoio a pesar da "menor exposición de España" á economía rusa

A bolsa española abriu este venres con lixeiras ganancias, o IBEX 35 gañaba 0,54 % na apertura e neses valores se foi movendo nas primeiras horas de cotizacións. Xa a media sesión, esa suba era máis pronunciada, por enriba do 2,5 %.
Así, con moitas dúbidas, os mercados europeos buscaban o rebote despois das caídas deste xoves causadas polas vendas masivas tras a invasión de Ucraína. O DAX alemán avanzaba na apertura por enriba do 0,60 % e o EURO STOXX, no que cotizan as 50 principais empresas da Eurozona, recuperaba por enriba do 0,80 %. Tamén nestes mercados, as transaccións fóronse animando ao longo da mañá e as subas tamén alcanzaban os dous puntos e medio. A suba na bolsa de Londres chegaba ao 3 % e París superaba o 2,5 %. En Asia, a bolsa de Tokyo, que xa pechou a cotización, gañou este venres un 1,95 %.
A bolsa de Moscova é a que sofre este venres o maior efecto do rebote e recupera ao redor do 20 % tras permanecer pechada durante uns minutos. Con todo, esa recuperación supón menos da metade do que perdeu na véspera. O rublo, pola súa parte, gaña un 2,3 % respecto ao dólar, logo do seu mínimo histórico na xornada do xoves.
En canto ao mercado da enerxía, o petróleo mantense estable ao redor dos 100 dólares por barril, unha cifra que non alcanzaba desde 2014, e o mercado do gas, que na véspera se disparou un 60 %, reducía algo esa alza; os futuros de gas natural baixan un 15 % no principal mercado europeo, o TTF holandés.
Os efectos nese mercado da enerxía xa se notan no prezo da electricidade. Este sábado o mercado grosista español rexistra o seu máximo anual, 261,11 euros por megawatt hora, un 8,73 % máis que este venres e un 89,53 % máis que hai unha semana. Noutros mercados europeos a electricidade tamén se pagará mañá por enriba dos 200 euros/MWh.
Os mercados mundiais están pendentes dos futuros efectos que poden ter as sancións anunciadas polos países occidentais contra Rusa e de como repercutirán na economía mundial.
Calviño: "España está menos exposta á economía rusa"
A vicepresidenta primeira de España e ministra de Economía Nadia Calviño afirmou este venres que "España ten unha menor exposición" á economía rusa que outros membros da Unión Europea.
"As nosas relacións están moi centradas no ámbito dos hidrocarburos, pero temos unha menor dependencia que outros países", sinalou Calviño á súa chegada a unha reunión informal de ministros de Economía e Finanzas da UE que discutirá as consecuencias económicas para Europa da invasión rusa de Ucraína.
Aínda así, avanzou que hoxe pedirá á UE "poñer en marcha unha serie de medidas de apoio, sobre todo ao sector agroalimentario", para que as sancións europeas ou as posibles medidas rusas de represalia "non teñan un impacto negativo sobre a economía europea".
Calviño recoñeceu que é "evidente" que o conflito "ten un impacto negativo desde o punto de vista da incerteza e a volatilidade dos mercados", pero apostou por adoptar "medidas eficaces de apoio" aos sectores máis afectados e así evitar que se poña en risco a recuperación económica.