Publicador de contidos

As bebidas alcólicas escasean nos locais de hostalería

As bebidas alcólicas escasean nos locais de hostalería

A inflación, o custe da enerxía e o prezo dos combustibles están detrás do desabastecemento

G24.gal 01/11/2021 13:25

En bares e locais de copas de Ourense xa están a sentir a escaseza de bebidas alcólicas no mercado. Os distribuidores advirten os donos dos establecementos de que nas vindeiras semanas vai haber escaseza ou mesmo ausencia total de determinadas marcas de xenebra, ron ou vodka que están entre as máis consumidas.

A inflación, o custe da enerxía e o prezo dos combustibles fixeron que parase a elaboración e a venda desas bebidas. Un golpe á hostalería agora que comezaba a recuperarse.

"As previsións é que non chegue co que temos porque hai moita escaseza", di Sebastián Martín, hostalerio. 

"O que nos din os distribuidores é que non hai e non vai chegar", explica Emilio Estévez, tamén do gremio.

Tamén se espera que a non tardar haxa problemas para servir viño nos locais de hostalería. Neste caso, o problema non é debido a que escasee a bebida. De feito, hai moito viño acumulado logo das restricións derivadas da pandemia.

O caso é que as adegas non conseguen botellas, cortizas ou cápsulas para poder envasar o viño. Esta situación pode derivar en breve nunha suba dos prezos do viño. A escaseza de bebida podería prolongarse ata o Nadal, algo que deixaría moi tocados os establecementos.

"Todo son problemas. A ver se mellora. Están decindo que non vai chegar nada de Inglaterra", lamenta Emilio. "Saímos da pandemia e chéganos esto. Non hai quen aguante", di Sebastián.

Nos licores e cervexas de importación, o custo do transporte incrementouse ata nun 300% nos últimos cinco meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade