As baixas por menstruación dolorosa dividen o Goberno
Escrivá explica que aínda se está negociando entre ministerios
Os sindicatos piden que se aborde na mesa de diálogo social
O Goberno asegura que as baixas por menstruacións dolorosas se están aínda debatendo entre varios ministerios. A medida, incluída no borrador da lei do aborto, provocou a división no propio executivo. UGT e CCOO piden que este asunto se aborde na mesa do diálogo social.
É unha das medidas máis controvertidas do borrador que o Ministerio de Igualdade está elaborando sobre a futura lei do aborto, que se prevé aprobar en Consello de Ministros o martes.
Segundo este primeiro texto da lei, haberá baixas por menstruacións moi dolorosas ou incapacitantes, sempre e cando se acredite cun certificado médico, que terá validez anual e deberá renovarse antes de que remate cada ano.
As traballadoras que sufran dismenorrea, dor menstrual, di o borrador, teñen dereito á baixa de máximo tres días, prorrogables por dous máis se se xustifica mediante informe médico.
A vicepresidenta económica asegurou que nunca adoptarán unha medida que poida supoñer unha estigmatización. Estigmatización que nega Yolanda Díaz.
O ministro Escrivá di que esta incapacidade temporal por regras dolorosas está en fase de negociación.
Nas últimas horas, os sindicatos pronunciábanse sobre a medida. UGT pide non poñer o foco nas mulleres para evitar seren discriminadas por razóns de xénero. Reclaman negociar na mesa de diálogo social unha medida que cualifican de positiva.
España pode converterse no primeiro país da Unión Europea cunha lexislación que considere a baixa menstrual, que si existe en países coma México, O Xapón ou A China.