As autoridades sanitarias recomendan non expoñerse ao fume e usar máscara se é necesario
As dimensións dos incendios que levan xornadas devastando Ourense fan que o fume se estenda por toda a provincia
As autoridades sanitarias recomendan evitar saír a rúa ou facelo, cando é necesario, con máscaras de alta filtración e protexer os ollos
Unha xornada máis o fume encapota o ceo da cidade de Ourense. Difícil distinguir edificios ou pontes. É a pegada dos incendios que arrasan a provincia.
"Está o ambiente moi cargado e cando abres a ventá entra moita cinza".
A calidade do aire é mala na maior parte da provincia e pésima nas zonas máis afectadas polos lumes como o val de Monterrei onde a concentración de partículas é maior.
"Custa respirar ás veces. Está sendo unha situación horrible".
"Moléstanos moito, e aos que temos asma, moito peor".
"A min aféctame bastante".
"Falta o alento e tes asubíos".
Para evitar problemas de saúde a principal recomendación é permanecer en sitios pechados.
"Intentar saír o menos posible, especialmente os pacientes vulnerables, que teñen máis de 65 anos, con cardiopatías ou pneumopatías crónicas. É importante facer uso das máscaras ultrafiltrantes para evitar que esas partículas tan finiñas que non accedan ao aparato respiratorio, explica Hugo Gómez, pneumólogo do CHUO
Un fume que tamén causa problemas no ollos.
Pode provocar irritación ocular, sensación dun corpo estraño, que se poña encarnada a conxuntiva. O que temos que facer é intentar intesificar a lubricación ocular, aplicando lágrimas artificiais sen conservantes, protexer os ollos se saímos á rúa con lentes, asegura a oftalmóloga María Mira Palomino.
Mala calidade do aire que, ademais de Ourense, afecta tamén a outras zonas do interior de Galicia.