Arte urbana que humaniza espazos públicos en Lugo
Estes días desenvólvese unha intervención colectiva, que está a transformar unha escalinata sombría nun espazo cheo de cor
É obra de Diego As, Pablo Lage de Van Kraft e Dani Casal de Muro Mola
Despois dunha semana de traballo, o gris e as pintadas que degradaban a Escalinata Cidade de Viveiro están a desaparecer.
"A idea era meterlle cor, que fora un cambio radical. Quixemos facer como formas, non é nada figurativo", sostén Diego As, acostumado a traballar en solitario e en grandes formatos. É un dos artistas que participa no proxecto , outro é Pablo Lage, do colectivo Van Kraft, quen explica que optaron por unhas figuras máis abstractas, con cores, porque as escaleiras son moi alongadas, "para que dende o principio ata a fin teñas un percorrido onde poidas escoller onde sacar a foto ou simplemente cando esteas de paso, ter un pouco de inmersión no espazo e desfrutes un pouco da baixada ou da subida".
Completa o grupo Dani Casal, do colectivo Muro Mola, para quen "ao final é darlle outra perspectiva a un lugar que nun principio é un sitio máis escuro, darlle esa vitalidade, que invite a xente a pasar e darlle uso".
Un proxecto artístico encargado polo Concello de Lugo para humanizar espazos urbanos coma este, ata hai uns días sombrío.
A cor esténdese tamén polo chan, algo pouco habitual.
"Ao pintar o chan obriga utilizar outro tipo de pintura, máis especializada para que a xente poida pasar e non esvare e non se degrade a obra".
Os tres son lucenses e forman parte dunha xeración de artistas urbanos, que participan xuntos por primeira vez nun proxecto destas características.
"É moito máis divertido traballar en grupo, porque cada un achega a súa experiencia e chegas a un punto que unificas todo e ao final tes esta cousa tan fermosa".
Agardar ter rematado o mural para esta fin de semana.