Arranca a 28ª edición do Festival de Cine de Ourense
Arturo Ripstein e Manuel Gutiérrez Aragón asisten á gala para recibiren senllos galardóns
Nesta nova edición, o OUFF estrea sección competitiva do cine galego
O director mexicano Arturo Ripstein, Calpurnia de Honra Internacional pola súa achega ao cinema contemporáneo, é un dos grandes protagonistas do festival. Chegou acompañado por outro dos protagonistas da xornada, o cineasta e novelista Manuel Gutiérrez Aragón, premio especial do festival.
Manuel Gutiérrez Aragón, Premio Especial OUFF 2023: "Estou moi agradecido porque hai moito tempo que non fago películas e, que se acorden das miñas películas anteriores agradézoo máis que cando as facía".
Tamén reciben premio nesta gala inaugural as actrices Luísa Merelas e Mariana Carballal, e a directora Olga Osorio, que acaba de estrear a súa primeira longa, Salta!, con moi boa acollida.
Olga Osorio, premio Chano Piñeiro: "Nun mesmo mes, estrear a miña primeira longa e recibir un premio co nome de Chano Piñeiro é como chegar e encher, triunfar na casa".
Mariana Carballal, Premio OUFF Ourense: "Recíbese con nervios e con moita gratitude: que pensen nunha para un premio deste tipo, na terra, é algo moi especial".
A película O soño da sultá, de Isabel Herguera, é a proxección inaugural desta vixésimo oitava edición do OUFF, que estrea competición oficial de longas galegas.
Miguel Anxo Fernández, director do OUFF: "Vai haber dúas seccións oficiais, unha internacional e unha galega. Queremos poñer á mesma altura os dous audiovisuais, porque o merecen".
Prolongarase ata o 8 de outubro, cun cento de proxeccións e actividades paralelas.