Arrasate: "O ano pasado con Denis e Brais o balón chegáballes mellor arriba"
O Osasuna chega a Balaídos despois de sumar 7 dos últimos 9 puntos
O Osasuna é un equipo que rendibiliza ao máximo as posibilidades económicas que ten. Só así se entende o seu gran rendemento desta temporada na que ocupa o sétimo posto e xa sumou 20 puntos, case a metade dos que van precisar para manterse en Primeira División.
Unha das chaves do éxito está na dirección deportiva que conduce o galego Braulio Vázquez e na confianza que lle dan ao seu adestrador Jagoba Arrasate, verdadeiro líder sobre o terreo de xogo do Osasuna. Esta é a quinta temporada de Arrasate á fronte do banco pamplonica e só coñece o éxito na súa traxectoria cun ascenso e tres permanencias moi meritorias.
O adestrador biscaíño considera que o Celta é un equipo diferente ao do ano pasado pola ausencia de Brais e Denis "dous xogadores que facían chegar arriba o balón". Confesa que viu partidos do Braga para ver o modelo de xogo de Carvalhal pero considera que "en tres días non se vai ver o que quere o adestrador, hai que darlle un prazo máis longo".