Afondamos no traballo nocturno da Policía Nacional que vela pola nosa seguridade
Galicia mantense como a segunda comunidade autónoma máis segura de España, segundo os últimos datos do Ministerio do Interior
Eses resultados están vencellados directamente co esforzo diario das nosas forzas de seguridade
Desta volta acompañamos a Policía Nacional en Santiago para ver como traballan
A capital de Galicia pode parecer unha cidade tranquila, pero as actuacións son constantes para manter a orde pública, como amosa o traballo da Policía Nacional cada día e, sobre todo, cada noite.
En canto saímos en ruta, a veciñanza alertou da presenza dun indixente que en máis dunha ocasión provocou incendios no portal onde adoita durmir porque padece algún tipo de trastorno. A policía logrou que esa persoa fose nunha ambulancia ata o Hospital Clínico Universitario de Santiago para facerlle unha avaliación psiquiátrica, pero pouco despois saía outra vez á rúa.
A principal función da Policía Nacional é xestionar delitos ou condutas delitivas, pero ante outro tipo de problemas sociais coma este, eles poden mediar pero non teñen man para resolver o conflito de xeito definitivo ao ser un tema de asuntos sociais.
A venda de drogas é outro tema presente cada día no traballo das patrullas, que poñen os cinco sentidos para detectar movementos sospeitosos. Comprobamos que coñecen a cidade como a palma da súa man observando comportamentos con moita pericia que derivaron en varias actuacións policiais con persoas vencelladas a puntos de venda de drogas na cidade.
A Policía Nacional nunha noite de servizo en Santiago
Noutra das chamadas, a cidadanía alertaba dunha lea de parella, como proba da concienciación sobre a violencia de xénero. Outro aviso da cidadanía advertiu da presenza dunha persoa saltando o valo dun parque infantil pechado durante a noite. Ao final non pasou nada, unha invasión de domicilio público pero sen maiores riscos.
Os axentes tamén detectaron consumo de estupefacientes, prohibido na vía pública, en varios puntos da cidade. A experiencia dos axentes no tocante ao comportamento é imprescindible á hora de detectar estas condutas.
A Policía Nacional nunha noite de servizo en Santiago
A rapidez na actuación policial é determinante para coller os delicuentes coas mans na allada, pero a observación tamén é decisiva. Manter o equilibrio entre a empatía e a avaliación dos riscos é vital, pero comprobamos que a nosa colaboración cidadá, ten moito peso para poñelos en alerta
A Policía Nacional nunha noite de servizo en Santiago