Arranca o xuízo contra un home acusado de estrangular e matar a súa muller na Coruña
O procesado será xulgado por un xurado popular
Enfróntase a unha pena de 26 anos e medio de cadea
Este mércores dará comezo a vista oral co xurado popular xa constituído. Será quen determine a culpablidade ou non culpabilidade do procesado. Un home de 76 anos acusado de esganar a súa muller, de 74, cando ambos estaban no seu domicilio familiar da rúa Gran Canaria, na Coruña.
Segundo recolle o escrito da Fiscalía, o crime tivo lugar a madrugada do 1 ao 2 de agosto de 2024. Daquela, como adoitaba suceder habitualmente, o investigado e a súa muller comezaron a discutir e, a berros, el lanzoulle unha serie de insultos, de xeito reiterado.
Máis tarde, nunha hora indeterminada, no cuarto conxugal, a vítima, ebria, sempre segundo o escrito da acusación, caeu ao chan e quedou inmobilizada entre a cama e outro mobiliario do cuarto. Nese intre, o seu home fotografouna e gravouna co seu teléfono móbil á vez que a humillaba
Ela atopábase totalmente desvalida, era incapaz de erguerse e de reaccionar fronte ao comportamento do seu marido.
E el, guiado polo ánimo de facer valer a súa superioridade como varón e polo desprezo cara á súa esposa polo simple feito de ser muller, aproveitándose da súa total indefensión, esganouna coas súas mans e causoulle a morte por asfixia, segundo o ministerio público.
A Fiscalía atribúelle un delito de asasinato, outro contra a integridade moral e un máis de inxurias e vexacións. Nos dous primeiros aprecia amais as agravantes de xénero e parentesco.
Solicita para el unha pena total de 26 anos e medio de cadea. E pide tamén que indemnice a cada un dos catro fillos que tiñan en común con algo máis de 37 mil euros.
Segundo a fiscalía, a convivencia do matrimonio atopábase moi deteriorada polo trato vexatorio e denigrante que o home dispensaba habitualmente á súa muller, que nunca chegou a denuncialo.
Está previsto que o xuízo se prolongue ata o próximo 23 de outubro.