A parella que apareceu morta en Cuenca con signos de violencia estaba separándose
O matrimonio ten dúas fillas de 6 e 14 anos
O Goberno de Castela-A Mancha sostén que todo apunta a que estamos ante un novo asasinato machista
Arquivo/Juanma Jiménez/Europa Press
Consternación en Valverde de Júcar, en Cuenca, despois de que aparecesen os corpos sen vida dunha parella con evidentes signos de violencia. Os cadáveres foron localizados no interior dunha casa despois de que unha persoa avisase o 112 ao non poder entrar no interior.
Segundo transcendeu, a parella ten dúas fillas e estaba en trámites de separación. Non había denuncias previas por malos tratos.
O alcalde asegura que a veciñanza está consternada, triste e enfadada, e avanzou que o Concello declarará días de loito oficial e poñerá as bandeiras a medio mastro. Ademais, suspenderanse as actividades programadas para esta fin de semana e convocarase unha concentración de condena.
O presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, trasladou as condolencias ás familias e expresou a súa profunda tristeza e consternación pola morte desta muller en Valverde de Júcar e subliñou: "Se se confirma que estamos ante un novo asasinato machista, sinto tamén unha enorme rabia e indignación".
Siento una profunda tristeza y consternación por la muerte de una mujer en Valverde de Júcar (Cuenca). Quiero trasladar todo mi cariño y mis condolencias a sus familias y seres queridos. Si se confirma que estamos ante un nuevo asesinato machista, siento también una enorme rabia e indignación. Me duele profundamente que sigamos perdiendo vidas por una violencia que nunca deberíamos aceptar ni normalizar. No podemos resignarnos.
— Emiliano García-Page (@garciapage) October 8, 2026
As vítimas da violencia machista e as súas contornas poden pedir axuda en distintos recursos activos todos os días da semana e as 24 horas do día: o teléfono 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016.
O teléfono de atención da Xunta de Galicia contra a violencia machista é o 900 400 273. É gratuíto e anónimo, non deixa rastro na factura telefónica, funciona as 24 horas do día e ten cobertura en toda Galicia.
Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible facer esa chamada, en caso de perigo existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.