Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arranca a campaña electoral do 18F

Arranca a campaña electoral do 18F

Só Alfonso Rueda iniciou a campaña en Santiago de Compostela

Ana Pontón e Isabel Faraldo escolleron A Coruña para a pegada de carteis

Gómez Besteiro puxo en marcha a maquinaria electoral en Lugo, mentres que Marta Lois optou por Cangas

G24.gal 01/02/2024 10:58 Última actualización 02/02/2024 08:42

Os candidatos dos partidos políticos galegos escolleron diferentes cidades para dar comezo á campaña electoral con motivo das eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro.

O presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, apostou pola capital de Galicia para dar o tiro de saída á campaña, xa que os populares optaron pola praza do Obradoiro, ante a sede do Goberno galego, para colocar o primeiro cartel da campaña.

Previamente Rueda estivo en Lugo para participar nun mitin central xunto á presidenta provincial do PP e cabeza de lista por esta circunscrición, Elena Candia, e a responsable de Novas Xeracións, Nicole Grueira. 

Pola súa banda, a líder do BNG e candidata da formación á presidencia da Xunta, Ana Pontón, participou pola mañá nun acto cos cabezas de lista da formación polas catro provincias galegas no Parque de Bonaval da capital galega.

Xa pola tarde abriu a campaña no Campo da Leña da Coruña xunto a Mercedes Queixas, que concorre como número dous da lista por esta circunscrición, que encabeza a propia Pontón.

O socialista José Ramón Gómez Besteiro, que se estreará como candidato á Xunta tras o seu regreso á primeira liña política, escolleu a súa cidade natal, Lugo, para o seu acto de arranque da campaña electoral.

Na praza de Santa María estará acompañado pola vicesecretaria xeral do PSOE e vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero. O acto tivo lugar antes da pegada de carteis, que tamén realizará na propia cidade da Muralla.

Pola súa banda, Sumar Galicia, coa aspirante á Xunta Marta Lois á cabeza, apostou por "un arranque diferente" ao non elixir ningunha das grandes cidades, senón que se desprazou  a Cangas do Morrazo para a saída á campaña.

Ademais, a candidata de Podemos á presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, tamén escolleu  A Coruña para o acto de pegada. En concreto, estivo no Millenium, en Labañou.

Catro días despois da pegada de carteis os candidatos atoparanse, o luns día 5, no debate proposto pola CRTVG aos principais candidatos a presidir a Xunta e que se emitirá en directo e de forma simultánea pola Televisión de Galicia, a Radio Galega e G24.gal. 

En total son once os partidos que concorren a estas eleccións, cun total de 41 candidaturas. Para entrar no repartimento de escanos os partidos teñen que conseguir un mínimo do 5 % dos votos totais.

A repartición provincial nesta cita coas urnas manterá a estrutura de 2020, coa distribución de 25 deputados pola provincia da Coruña, 22 pola de Pontevedra e 14 tanto en Lugo coma en Ourense

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos