Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arquivan o caso da Maruxaina, que investigou gravacións a mulleres ouriñando, por falta de indicios

Arquivan o caso da Maruxaina, que investigou gravacións a mulleres ouriñando, por falta de indicios

O sobresemento é provisional, cabe recurso

Os feitos ocorreron nas festas de 2019 cando gravaron as mulleres ouriñando na rúa e logo subiron eses vídeos a páxinas eróticas

Europa Press Europa Press
G24.gal 14/01/2026 15:07

O Tribunal de Viveiro número 1, acordou o sobresemento provisional do caso da Maruxaina, que investigou as gravacións realizadas a mulleres, en agosto de 2019, mentres ouriñaban na vía pública e posteriormente os vídeos foron subidos a varias páxinas de contido erótico, ao "non existir indicios racionais e suficientes de criminalidade" contra o único investigado.

Con iso, a xuíza admite a petición da Fiscalía que pediu o sobresemento ao apreciar que non había motivos suficientes para acusar a determina ou determinadas persoas como autores, cómplices ou encubridores.

No auto a xuíza remarca que se practicaron "cantas dilixencias se estimaron necesarias para determinar a natureza e circunstancias dos feitos" e, delas, non se desprenden indicios bastantes para imputar a comisión dos feitos investigados a unha persoa que adquiriu a condición de investigada (habéndoselle tomado previamente declaración policial como testemuña) debido a que o vehículo que alugara no aeroporto da Coruña aparece nas gravacións das vítimas e a que a casa da súa avoa está nas inmediacións do lugar dos feitos.

"Non se pode soster unicamente tal autoría por vivir e ter estacionado o seu vehículo preto do lugar no que se gravou as vítimas, sendo ademais razoable o estacionamento por calquera persoa preto de onde un se aloxa e sendo razoable que o investigado non movese o vehículo, pois, como tamén informa o Concello, unha vez se accede ao recinto utilizando a autorización, non se pode volver acceder en segunda ocasión", subliña a xuíza.

Ademais, asegura que "resulta incoherente que o propio autor das gravacións permitise que se visualizase nos vídeos a matrícula do vehículo que el mesmo alugara achegando os seus datos persoais".

A xuíza recoñece o "sufrimento" das denunciantes e non dubida do seu testemuño e engade que "as condutas en que incorren os feitos investigados, que atentan contra a intimidade das mulleres, gozan dun forte e xustificado reproche social".

Con todo, fai referencia a que os xuíces son garantes da legalidade e que no sistema penal español "rexen os principios de presunción de inocencia e intervención mínima, de forma que, ante a ausencia de indicios racionais e suficientes de criminalidade contra persoas determinadas e esgotados, tanto o prazo de instrución como as posibles vías de investigación, só cabe o irremediable arquivo das actuacións".

A xuíza explica que todas as dilixencias practicadas para a identificación doutros posibles autores dos feitos "resultaron infrutuosas, tanto en relación coa captación das imaxes como en relación coa difusión nas distintas páxinas web de contido erótico".

No que respecta á captación das imaxes, sinala que non se conseguiu a vinculación cos feitos doutros posibles titulares de vehículos cuxas matrículas aparecían parcialmente nos vídeos e tampouco se estableceu vinculación algunha coa romaría da Maruxaina do 2019 dos demais vídeos de contido sexual analizados polo EFICO.

Tamén, sobre a difusión das imaxes en páxinas web, recala que "sendo infrutuoso" o intento de que as entidades titulares dos distintos dominios prestasen a súa colaboración para a identificación de quen figurase tras os usuarios, tramitouse solicitude de asistencia xudicial internacional aos Estados Unidos, que tamén resultou infrutuosa.

Ante isto, a xuíza decreta o sobresemento provisional da causa. Con todo, contra o auto cabe interpoñer recurso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade