Ares tenta consolidarse como a mellor traiñeira galega na ACT
O modesto equipo aresán acadou a permanencia a temporada pasada na Euskolábel e esta temporada loitará polo mesmo obxectivo
Ares prepara a Santa Olalla para unha nova temporada na liga ACT. A traiñeira impulsa un club con cen remeiros en todas as categorías e co respaldo dunha vila de 6.000 habitantes. Celebraron o peche de curso da canteira nas vésperas de que comece a súa sexta temporada na liga Eusko Label, segunda consecutiva, con 8 trocos no plantel.
Na pretemporada, a decepción de ser terceiros no Campionato galego pasouselles co quinto posto no Campionato de España. Agora xa preparan a primeira xornada da liga, que este ano será en Madrid, nun encoro a 1.000 metros de altitude. Todo un reto para as tripulacións. O azul imponse en Ares, onde tamén honran agora neste batel a Manolo Peña, quen fora delegado do club.