Chapela e Perillo estrean o seu palmarés no Campionato Galego de Traiñeiras
Chapela, despois de cinco subcampionatos, conseguiu facerse co título masculino por diante de Cabo e Ares
Perillo acada o seu primeiro título galego na categoría feminina despois de impoñerse a Chapela
Chapela na categoría masculina e Perillo na feminina conseguiron estrear o seu palmarés no Campionato Galego de Traiñeiras que se disputou este domingo en Moaña. Os de Redondela foran cinco veces subcampións e Perillo acadara catro vitorias na categoría masculina pero nunca levara a bandeira autonómica na feminina.
Cunha nova estrutura (2 longos no lugar dos 4 dos últimos anos) o equipo de Perillo, liderado pola ex de Donostiarra Ángela Castro, conseguiu impoñerse a Chapela, que partía co papel de favorita. No terceiro posto acabou Amegrove e cuartas foron as locais de Tirán que defendían o trofeo acadado o ano pasado.
Na categoría masculina a pelexa viña quente da xornada do sábado na que Chapela e Cabo quedaron separadas por menos dun segundo. Volveu a ser a pelexa da final do domingo e estaban case á par na última ceavoga. No derradeiro longo o equipo capitaneado por Juan Zunzunegui acabou gañando cun par de segundos de diferenza e erguendo un título que nunca acadara con anterioridade. Cabo realizou un gran papel demostrando que vai ser a favorita na Liga Galega e Ares, última campioa, tivo que conformarse co bronce xusto por diante de Samertolameu.
A vindeira semana disputarase, tamén en Moaña, o Campionato de España coa presenza de Chapela, Cabo e Ares que poderán pelexar diante dos grandes do remo vasco. No campionato de Euskadi a vitoria foi para Orio, por diante de Donostiarra e Hondarribia.