Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arde unha nave chea de herba seca en Boqueixón

Arde unha nave chea de herba seca en Boqueixón

Acabaran de gardar a herba seca onte mesmo, a comida das puchas para seis meses

A orixe do lume puido ser unha paca que fermentou e prendeu debido ás altas temperaturas

G24.gal 09/07/2026 15:01

Quedaron sen nada. As lapas devoraron a herba seca que acabaran de gardar onte mesmo. O alimento das puchas para seis meses. Ocorreu en Boqueixón.

"Tiñan silo e nos outros dous tiñan pacas de herba seca. Estaba cheo ata riba. De feito, cando prenderon as lapas saía o lume por riba. Pódese ver como están as uralitas todas estaladas", explica Begoña Aldrey, a muller dun dos propietarios.

"Puido ser unha paca que fermentou, que tivera algo de humidade e combinado coa calor, que puidera ser a oirxe do lume", apunta José Manuel Iglesias, Xefe de Protección Civil de Boqueixón.

Empezou a arder cedo. A voz de alarma deuna un veciño que pasou por diante co coche... xa era demasiado tarde. 

"Como era herba seca, arde moi rápido e cando chegamos xa estaba ardendo con demasiada virulencia pero xa estaban os donos da explotación regando e apagando no lume", engade o xefe de Protección Civil.

Incendio fácil de controlar, pero moi dificil de extinguir. 

"Estivo controlado dende o principio pero as labores de extinción van levar posiblemente todo o día", engade Iglesias.

"Incendio moi complicado, de moito tempo para traballalo. A maquinaria agrícola dos mesmos propietarios son os que están a facer o desescombro todo das pacas, desabastecendo e desalimentando o incendio", corrobora Juan Carlos Sanmartín, Cabo dos Bombeiros de Arzúa

Quedan por diante horas e horas de traballo, nas que a maquinaria da propia explotación está sendo fundamental.

"Agora están sacando todas as pacas para esta leira de millo e estanas tratando de estender porque seguen ardendo. Mira como arde por alá abaixo, que fume! Teñen que seguir botando auga porque segue ardendo. Xa non se ve lapa pero hai lume", sinala a muller dun dos socios a pé de incendio.

Con todo, toca andar con tino porque o lume deixou moi tocada a estrutura da nave.

"Hai unha zona máis defectuosa peo estámola protexendo para que os propios agrícolas non corran risco", aclara o cabo de Bombeiros.

As perdas son moi grandes, pero consola que nin o lume nin o fume lle afectaron á granxa onde están os animais. Vírono ao lonxe.
 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade