Arde por completo unha vivenda na Pobra de Trives e as lapas amezaron as lindeiras
Tras doce horas de traballo, os equipos de emerxencias lograron apagar o incendio
As las orixináronse pasadas as 11 da noite deste sábado nunha casa situada no lugar de O Castro
Os ocupantes estaban fóra no momento en que se produciu o lume
Unha vivenda ardeu por completo na Pobra de Trives . Os equipos de emerxencias lograron apagar o incendio, que arrasou a vivenda e ameazou as lindeiras, tras doce horas de traballo.
Segundo informou o 112 Galicia, pasadas as once da noite deste sábado unha chamada alertou sobre un incendio nunha casa situada no lugar de O Castro, na Pobra de Trives. O 112 relatou que os ocupantes estaban fóra no momento en que se produciu o lume.
A vivenda estaba habitada e pegada a outras que tamén estiveron en risco. Nestes momentos, o incendio está apagado, pero algúns equipos permanecen na zona arrefriándoa. Segundo os bombeiros, producíronse reproducións constantes, que dificultaron as tarefas de extinción. Ademáis a presenza de neve nas vías non contribuíu a que os recursos de emerxencias tivesen fácil o acceso.
Durante a extinción colaboraron os Bombeiros de Valdeorras, voluntarios de Protección Civil de Pobra de Trives, Manzaneda, San Xoán de Río, os membros do GES de Castro Caldelas e efectivos do distrito forestal da zona. Tamén contaron coa colaboración de axentes da Garda Civil.
Con todo, púidose controlar a situación e os medios dan por extinguido o incendio. O balance é unha casa completamente calcinada e colapsada, xa que se produciu o derrubamento do tellado.