Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aparecen restos dunha fábrica romana que volven condicionar a peonalización en Lugo

Aparecen restos dunha fábrica romana que volven condicionar a peonalización en Lugo

Non afectará o avance do proxecto, que estará terminado o 15 de maio, pero si a ese punto concreto

Os expertos cren que podería tratarse dun complexo fabril da época romana

Obras no centro de Lugo Obras no centro de Lugo
G24.gal 02/05/2025 18:05

O Concello de Lugo informou da aparición de novos restos arqueolóxicos da época romana no transcurso das obras de peonalización do centro histórico da cidade, en concreto dos traballos que a empresa concesionaria está a realizar na rúa Montevideo, á altura da confluencia coa rúa Nova.

Segundo explicou o goberno local, o achado produciuse durante a apertura dun novo tramo de beirarrúa, de modo que agora a empresa concesionaria “debe adaptar os traballos neste punto concreto”, sen que iso afecte, en principio, “ao avance xeral da actuación”.

O arqueólogo da empresa concesionaria confirmou que estes elementos están relacionados cos xa documentados semanas atrás na parte central da calzada, onde foran localizados fornos, pezas cerámicas e cimentacións que poderían formar parte dun complexo fabril da época romana.

Trátase dunha circunstancia que “require agora axustar o ritmo dos traballos para garantir a súa correcta documentación e conservación, conforme aos protocolos establecidos en materia de patrimonio”.

A intervención realizarase en coordinación coa dirección arqueolóxica da obra e coas administracións competentes nesta materia.

A intervención limitarase a este tramo puntual, "polo que a práctica totalidade da Rúa Montevideo estará dispoñible para a cidadanía o 15 de maio, tal e como estaba previsto", aclara.

Os traballos adaptaranse ás esixencias do achado arqueolóxico, "de maneira que se poida inventariar e protexer correctamente, sen que iso impida que a actuación quede completamente finalizada antes de que finalice este mes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade