Aparatoso accidente nunha rotonda en Pontevedra
A única condutora do vehículo saíu polo seu propio pé e quedou ilesa
Un coche quedou semienvorcado nun aparatoso accidente nunha rotonda de Pontevedra. A condutora saíu ilesa, pero foi necesaria a presenza dos bombeiros xa que, nun principio, parecía que puidera haber risco de lume. Pero, precisamente, segundo informacións dos bombeiros, o fume debeu ser do anticonxelante e non chegou a producirse lume.
Noelia Corbacho traballa nunha cafetería ao pé da rotonda onde tivo lugar o accidente e foi unha das primeiras persoas en socorrer a condutora e chamar os equipos de emerxencia. Di que estaba traballando e escoitou un ruído moi forte, saíu e xa viu o coche contra o poste. Inmediatamente chamou ao 112 e foi socorrer a vítima.
A condutora, de avanzada idade, portaba un caxato e saíu ilesa e polo seu propio pé. Viaxaba soa e segundo parece sufriu un bloqueo nunha perna, perdeu o control e esnafrouse contra un poste. Conta Noelia que a sacaron e saíu camiñando, que lle pareceu que estaba un pouco en shock pero non sufriu feridas.
Este xoves a tranquilidade reinaba no lugar do accidente, unha céntrica rúa da zona de Campolongo, en Pontevedra. Todo, afortunadamente, quedou nun susto.