Desartellan un punto de venda de droga preto dun centro educativo en Ferrol
O operativo Villa culmina coa detención dun home e a incautación de máis de 700 doses de haxix
Policía Nacional
A Policía Nacional desarticulou un punto de venda de estupefacientes no barrio de Recimil, en Ferrol, moi próximo ao CIFP Ferrolterra, o que xerara unha crecente alarma social entre os veciños e a comunidade educativa.
A investigación, bautizada como Villa, iniciouse a principios de ano, tras múltiples denuncias cidadás que alertaban da existencia dun domicilio na rúa Neda, onde se dispensaba droga a diario.
Os axentes do Grupo de Estupefacientes e do Grupo Operativo de Resposta da Comisaría de Ferrol-Narón constataron que ao lugar acudían numerosas persoas, entre elas novos estudantes do centro educativo situado a escasos metros.
O pasado xoves, 14 de maio, rexistraron a vivenda e detiveron a un home como presunto responsable deste punto de venda. No interior, concretamente na cociña, habilitárase un espazo para a manipulación, corte e pesada da droga. En total, interviñéronse máis de setecentas doses de haxix, 4.800 euros en efectivo procedentes da venda ilegal e unha pistola simulada de aire comprimido. O detido xa foi posto á disposición do xulgado.
A Policía destacou que a operación supón un novo golpe ao tráfico polo miúdo na cidade ferrolá e reforza a colaboración cidadá como ferramenta clave para a erradicación dos puntos de venda de droga, especialmente aqueles situados nas inmediacións de centros educativos.