Morre unha muller en Lugo acoitelada polo seu fillo, que sufriu unha crise psicótica
A muller estaba ingresada no HULA, pero non puido superar a gravidade das feridas
A Policía Nacional detivo en Lugo un home por presuntamente acoitelar a súa nai, quen faleceu na UCI do Hospital Lucus Augusti da cidade como consecuencia da gravidade das feridas. Parece que o agresor puido sufrir unha crise psicótica.
Os feitos aconteceron no domicilio familiar que compartía con seus pais. Supostamente, o home atacou a súa nai cunha arma branca e abandonou a vivenda deixándoa malferida. Cando seu pai chegou á casa, ante a situación, alertou os servizos de emerxencias.
Unha axente da Policía Local, con formación sanitaria, fíxolle a primeira asistencia á vítima, que posteriormente foi trasladada nunha ambulancia ao HULA, onde finalmente faleceu.
Tras a agresión, a Policía Nacional estableceu un dispositivo para dar co atacante, que finalmente foi detido na contorna da Estación de Autobuses de Lugo. O home tamén foi trasladado ao HULA para lle facer unha valoración psiquiátrica.