Ao Deportivo volve faltarlle o gol (0-0)
Pablo Vázquez marcou no primeiro tempo pero o colexiado anulouno por unha man logo de revisalo
Yeremay estrelou un remate contra o pau na mellor oportunidade do encontro
O Deportivo empatou (0-0) co Huesca a pesar de que tivo o dominio e gozou das mellores ocasións. O equipo oscense, que encadea trece partidos sen perder, deu por bo o punto desde o comezo cun gran traballo defensivo.
O partido comezou cun gol anulado a Pablo Vázquez. Era o minuto 9 cando o central asturiano acertou a rematar á rede. Despois de ser revisada a xogada polo VAR o colexiado decidiu invalidalo. O Huesca estivo seguro en defensa pero inoperante en ataque. A partir do minuto 25 o Dépor comezou a xerar ocasións pero Zakaria, Soriano, Yeremay e o propio Pablo Vázquez non estiveron atinados.
Ao pouco de comezar a segunda parte tivo o Huesca unha grande ocasión nun man a man de Javi Hernández que salvou Helton. Seguiu dominando o Deportivo que avisou cun disparo de Xavi Navarro. Yeremay comezou a botarse ás costas o xogo de ataque. Obrigou a Dani Giménez a facer un paradón (minuto 62) e estrelou un remate contra o pau (minuto 71) na mellor ocasión do partido.
Tivo o partido un desenlace incerto con achegamentos para os dous equipos que non se concretaron. A mellor, unha do visitante Joaquín Muñoz que rematou fóra nunha posición inmellorable.
Gilsanz non quixo mollarse coas mans
Houbo dúas accións polémicas no partido. A man pola que foi anulado o gol de Pablo Vázquez e outra posterior do defensa do Huesca Blasco bastante similar que non revisou o VAR.

