A ANPA e a dirección do CEIP Chouzo de Vigo piden maior seguridade viaria
Cortes de tráfico nas horas punta ou mellor sinalización reducirían o problema
Queixas dos pais e docentes dun colexio do CEIP Emilia Pardo Bazán Chouzo de Vigo polos problemas de seguridade viaria que rodean o centro. A ANPA do CEIP colgou na súa páxina web un comunicado coas súas demandas ao Concello.
Din que no Concello non atenden as súas reiteradas chamadas de atención ao risco que asumen cada día os pequenos ao acudir á clase.
Denuncian que acoden ao seu centro escolar ás escuras, por unha vía moi estreita que non ten beirarrúas e con escasa visibilidade. É un camiño menor que ten moito tráfico, mesmo pesado. Pasan bastante medo ás entradas e saídas. Por iso á Asociación de Nais e Pais gustaríalles que se cortase o tráfico durante dez minutos ás horas de entrada e saída como se fai no contorno doutros centros.
Tamén cómpre din mellor a sinalización, colocar lombos ou facer un paso de peóns ás portas do colexio. Hai poucos días levaron un bo susto cando unha nai estivo a piques de ser atropelada canda os seus fillos. Por iso piden medidas urxentes ao concello, xa que o vindeiro curso ademais do Colexio do Chouzo, a zona contará tamén cunha escola de educación infantil.