Ana Pontón pide ensanchar e ampliar o BNG no 40 aniversario da súa fundación
A voceira nacional asegura que o Bloque está máis forte ca nunca e disposto a saír a gañar
O BNG celebrou o 40 aniversario da súa asemblea fundacional no frontón de Riazor, o lugar en que comezou a construír a súa historia. A formación nacionalista chega a este día como a segunda forza política de Galicia e co liderado de Ana Pontón, que insistiu en que o Bloque está máis forte ca nunca, listo para dirixir Galicia e disposto a saír a gañar.
"A gañar un goberno galego ao servizo da maioría deste país cunha presidenta coas mans libres para defender os galegos e as galegas".
Ana Pontón falou dun proxecto nacionalista sen matices, colectivo, que nestas catro décadas foi quen de transformarse ao ritmo dos cambios que se ían producindo na sociedade galega. Fixou como obxectivo ampliar as bases.
"Temos que abrir as portas do BNG a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón. Temos que conxugar tres verbos: ensanchar, ampliar e incorporar".
Pontón agradeceulle á militancia todas as achegas que axudaron a construír un BNG forte, preparado para gobernar Galicia. Un milleiro desas persoas estiveron no acto político que celebrou, coa mirada centrada no presente e no futuro, os corenta anos de historia do Bloque.