Publicador de contidos

Publicador de contidos

Villaverde defende o seu plan de choque para o marisqueo e a oposición veo insuficiente

Villaverde defende o seu plan de choque para o marisqueo e a oposición veo insuficiente

O plan, dotado con 22,7 millóns de euros, baséase en "criterios científicos sólidos" 

A oposición afirma que estamos ante un plan "raquítico, opaco, caótico" e fala dun "parche puntual sen proxección de futuro"

 

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, este martes no pleno do Parlamento A conselleira do Mar, Marta Villaverde, este martes no pleno do Parlamento
G24.gal 02/06/2026 09:05

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu este martes o plan de choque da Xunta para a crise do marisqueo e asegurou que se basea en datos científicos e propostas das propias confrarías, pero a oposición veo insuficiente e insta a solucionar o problema de forma estrutural.

Nunha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento galego, Villaverde sinalou que o plan, dotado con 22,7 millóns de euros e ao que se poden adherir as 25 confrarías con mortaldade moderada ou severa, baséase en "criterios científicos sólidos" e cada convenio bilateral inclúe un proxecto de restauración elaborado polo propio depósito.

"Non o impón a Consellería", insistiu Villaverde, que dixo que as confrarías son as que mellor coñecen os bancos, polo que se traballaron con elas os convenios nun exercicio de "coxestión real".

Xa se asinaron os convenios con Noia, Muros e Vilaxóan e o Consello do luns aprobou os de Vilanova de Arousa e Cabo de Cruz, lembrou, e avanzou que na próxima reunión semanal do Executivo galego aprobaranse outros tres.

Ademais, destacou outras medidas complementarias como unha prórroga dos plans de xestión vixentes ata 2029, 1,5 millóns de euros para o cultivo de bivalvos e 2 millóns para restauración da biodiversidade e o traballo para a provisión de semente, tanto no criadeiro público de Vicedo como na colaboración con empresas privadas.

A oposición pide solucións a longo prazo

Desde a oposición, consideraron que o plan de choque da Xunta é insuficiente para recuperar a produción dunhas rías que "desfallecen" e criticaron que só se aplique a 25 das 63 confrarías que hai en Galicia e exclúa o marisqueo á boia.

"É un plan absolutamente raquítico, opaco, caótico e que non deixa de ser outro parche puntual elaborado sen ningunha proxección de futuro", asegurou a deputada do BNG Rosana Pérez, que dixo que se non se atallan as causas estruturais no futuro "estaremos igual".

A Xunta "limitouse a actuar como unha aseguradora de sinistros asegurando axudas cando o marisco xa morreu", dixo, pola súa banda, a deputada socialista Paloma Castro, e criticou que o plan estea dotado con 22,7 millóns cando o que se elaborou tras as riadas de 2023 tiña 123 millóns.

Ambas as sinalaron factores que afectan á produción das rías máis aló do cambio climático e non se atallan, como a contaminación ou o baleirado dos encoros con baixamar.

E denunciaron as baixas remuneracións para as mariscadoras que inclúen os convenios, un máximo de 696 euros ao mes polos labores de rexeneración, "menos que o ingreso mínimo vital", dixo a nacionalista.

En resposta, a conselleira defendeu que o sector lles transmitiu que non quere "paguiñas", senón poder traballar, e que a Xunta financiou "ao 100 %" todos os labores que as confrarías consideraron necesarias nos convenios.

Con todo, a nacionalista Pérez lembrou que en Noia máis da metade das mariscadoras que inicialmente se ían a adherir non o fixeron pola baixa remuneración e afirmou que Villaverde "tivo que saír escoltada porque non quixo escoitalas" o día que se asinou ese convenio, algo negado pola conselleira, que asegurou que invitou a sentarse na mesa a quen quixese.

Exención das cotas

Villaverde lembrou que as mariscadoras seguen sen estar exentas de pagar case 300 euros ao mes á Seguridade Social a pesar de que non saen ao mar, e reiterou que aprobar esa exención non é competencia da Xunta, senón do Goberno central.

"Somos a única administración que está a apoiar ás mariscadoras con feitos e financiamento", defendeu, e dixo que a Xunta xa está a traballar no plan de acción do marisqueo para o período 2026-2031. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade