Ana Peleteiro coróase nova campioa de Europa de triplo salto
A galega logrou unha marca de 14,37 metros
Ana Peleteiro logrou a primeira medalla para o equipo español nos Europeos en pista cuberta que se disputan na cidade neerlandesa de Apeldoorn, ao colgarse este venres o ouro na final de triplo salto cunha marca de 14,37 metros.
Peleteiro, que sumou o seu segundo título de campioa continental baixo teito tras o logrado no ano 2019 en Glasgow, avantaxou en seis centímetros á romanesa Diana Ana Maria Ion, prata cun mellor intento de 14,31. Completou o podio a finlandesa Senni Salminen, que se colgou a medalla de bronce cun salto de 13,99 metros, 38 centímetros menos que a saltadora galega.
Peleteiro, de 29 anos, non se trabucou cando despois dos Xogos Olímpicos de París deixou de adestrar ás ordes de Iván Pedroso para regresar á súa Ribeira natal para traballar baixo a dirección do seu home, o saltador francés Benjamin Compaoré. O rexistro acadado na final dos europeos supón a mellor marca europea da temporada.