Publicador de contidos

Publicador de contidos

O centro hípico de Casas Novas acolle o Campionato Europeo de Saltos

O centro hípico de Casas Novas acolle o Campionato Europeo de Saltos

A oganización da competición comezou hai máis dun ano

G24.gal 19/07/2025 14:11 Última actualización 19/07/2025 15:15

Os mellores xinetes e cabalos do mundo compiten en Casas Novas na cita hípica máis importante da temporada, o Campionato Europeo de Saltos. É unha proba de máximo nivel internacional que esixe unha planificación rigorosa na que se comezou a traballar hai un ano.

"A Federación Ecuestre Internacional concedeunos o campionato en xuño de 2024 e levamos trece meses traballando a tope e con moitísima ilusión" explica Ávaro Arrieta, director da competición.

En paralelo ao campionato europeo, desenvólvese tamén un torneo de saltos tres estrelas, o que en cifras se traduce en máis de cen xinetes e nuns cento sesenta cabalos e eguas procedentes de vinte e catro países.

Os animais foron chegando a Arteixo nos días previos ás competicións. Todos deben pasar unha esixente inspección veterinaria.

"Revísase o pasaporte, verifícase que teñen todas as vacinas en regra e tómaselles a temperatura para ver que non teñan ningunha enfermidade que poidan transmitirlles a outros cabalos", detalla Pierre Tuck, xefe de cortes de Casas Novas.

Pensando principalmente no benestar dos cabalos, reforzouse o persoal de seguridade. Uns cento corenta mil espectadores asisten ás probas durante os cinco días de competición.

Hai preto de 150 xornalistas acreditados e máis de mil profesionais do mundo ecuestre traballando dentro e fóra das pistas.

"Veñen moitas persoas ao redor de cada xinete: xefe de equipo, xefe de expedición, adestrador, psicólogo... Necesitamos ofrecerlles moitos espazos para que poidan adestrarse e preparar adecuadamente o momento da competición", salienta Arrieta.

Máis de duascentas cincuenta persoas están directamente implicadas na organización deste Campionato Europeo de Saltos, que chega por primeira vez a Galicia coincidindo co vinte e cinco aniversario de Casas Novas, un dos centros ecuestres máis prestixiosos do mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade